Xunta e comerciantes fan un balance positivo do Bono Activa Comercio 2022
Xunta e comerciantes fan un balance positivo do Bono Activa Comercio 2022
No ano que rematou mobilizou máis de 16 millóns de euros
O sector pide que se active en 2023 con máis períodos
A Xunta di que hai que avaliar datos antes de tomar decisións
A segunda edición do Bono Activa Comercio da Xunta, que remataba o 31 de decembro de 2022, volveu recibir a aceptación tanto dos establecementos adheridos -máis de 6.000 establecementos- como da clientela. Cando menos é o que din tanto a Xunta como a Federación Galega de Comercio.
O director xeral de Comercio, Manuel Heredia, asegura que se mobilizaron uns 16 millóns de euros en vendas e o balance que tiran é positivo. Tamén destaca que había un obxectivo dobre, "atraer clientes" para o pequeno comercio e "axudar a galegos e galegas" pola perda de poder adquisitivo.
"Un balance bastante positivo. Por suposto nós, dende a Xunta, o que fixemos é tratar de dar resposta ás inquedanza do sector do pequeno comercio.
Os comerciantes concordan no positivo do balance pero piden non só que se repita a iniciativa neste 2023 senón que haxa dúas tandas, segundo comenta José María Seijas, presidente da Federación Galega de Comercio.
"Esperamos que para este próximo ano volva haber non só unha actuación deste tipo senón que haxa dúas, polo menos, porque a resposta foi estupenda".
Dende a Xunta din que antes de confirmar unha reedición do Bono Activa Comercio en 2023 hai que facer avaliacións e que en todo caso "traballaremos conxuntamente co sector para ver se é necesario ou non".
Manuel Heredia lembra que xa hai outras liñas de achegas abertas e pendentes de se activar para o pequeno comercio galego. Apunta a que en xaneiro se convocarán ordes para asociacións e federacións de comerciantes dotadas con 3,2 millóns de euros.
A segunda edición do Bono Activa Comercio da Xunta tivo como novidade principal a ampliación de tramos de desconto e importes. O desconto era de 5 euros para compras a partir de 20 euros e inferiores a 30 euros, 10 para compras dende 30 e menos de 50 e de 15 euros se superaban os 50 euros de compra.