Comeza a instalación das luces de Nadal en Vigo, que acenderán unha hora menos para reducir o consumo
Comeza a instalación das luces de Nadal en Vigo, que acenderán unha hora menos para reducir o consumo
Seguindo as indicacións do Goberno central e a UE, acenderanse ás 18:30 e apagaranse ás 00:30
Segundo o alcalde, esta medida suporá un aforro do 14 %
O Concello de Vigo comezou neste dous de agosto o proceso de instalación das luces de Nadal. Este ano, o horario do alumeado durará unha hora menos para reducir, segundo explicou Caballero, un 14 % o consumo.
Esta decisión tómase despois da recomendación do Goberno central e a Unión Europea de diminuír a factura eléctrica.
Este Nadal volverán alumear 11 millóns de luces LED repartidas por unhas 400 rúas, 40 máis que no 2021.
Caballero incidiu no impacto turístico que teñen as luces de Nadal na cidade, que a esta altura do ano xa hai reservas hoteleiras para esas datas. Para este ano prometeu sorpresas e novidades e xa avanzou que na rúa Príncipe haberá novos adornos e unha estrela xigante.
As previsións de turismo é que atraia 3 millóns de persoas de fóra da localidade e agárdase superar as cifras do 2021.
Gasto enerxético
O alcalde de Vigo explicou que durante os case dous meses que duraron as festas na cidade, o Concello pagou uns 30.000 euros de luz, un 0,5 % do gasto total da cidade, que ascende a uns 5,5 millóns de euros.
Tamén indicou que este ano o gasto será maior porque o prezo da electricidade é máis elevado, pero comparou o gasto do Nadal co consumo dun estadio de fútbol duns 30.000 asentos nun mes, que asegurou que é superior.
Como medida de aforro, anunciou que este ano se reducirá o tempo de acendido unha hora. Polo tanto será ás 18:30 cando se prendan e apagaranse ás 00:30.
Segundo o seu cálculo, isto suporá un aforro do 14 %, "o dobre do que pide o Goberno". Ademais, lembrou que a enerxía que utiliza Vigo na iluminación é renovable.