Comeza a recollida da oliva en Quiroga, cunha previsión de 40.000 litros de aceite
Os produtores ven con optimismo a colleita
Quiroga ten dúas variedades autóctonas, a brava e a mansa
Coa colocación de redes baixo as oliveiras e botando man de vareadores eléctricos comeza a recollida da oliva en Quiroga. Este concello lugués ten unha gran tradición na produción de aceite que se remonta á época dos romanos e contan con oliveiras milenarias e variedades autóctonas, a brava e a mansa. Estímase que elaboran uns 40.000 litros de aceite dos cales unha metade sae ao mercado e a outra queda para o autoconsumo.
Os traballos lévanse a cabo en diferentes tempos segundo a variedade ou a orientación dos terreos, pero en xeral os produtores sinalan que as oliveiras teñen moita carga e amósanse optimistas coa colleita.
A oliva vai das plantacións á almazara, onde se procesa ata conseguir este particular ouro branco. Primeiro lávase e despois óese todo e fórmase unha pasta que ten que permanecer un tempo nun batedor. Despois pasa como por unha centrifugadora que separa o aceite do óso e a polpa.
A produción adoita quedar en Galicia onde se comercializa en tendas gourmet e cada vez é máis demandado dende a alta cociña.