Comeza en Baviera o cumio do G-7 focalizado na guerra de Ucraína
Comeza en Baviera o cumio do G-7 focalizado na guerra de Ucraína
Os líderes das sete potencias occidentais debaterán unha resposta máis contundente a Rusia pola invasión de Ucraína
Os líderes do G-7, o grupo das sete potencias occidentais, abriron este domingo en Elmau, en Baviera, ao sur da Alemaña, o seu cumio anual coa guerra de Ucraína como tema dominante na mesa e a perspectiva de darlle unha resposta máis contundente a Rusia.
O chanceler alemán, Olaf Scholz, que ten a presidencia de quenda do grupo, recibiu ante o castelo bávaro da localidade o resto de mandatarios do G-7, os Estados Unidos, o Canadá, o Xapón, o Reino Unido, Francia e Italia, a presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, e o do Consello de Europa, Charles Michel.
O G-7 de Elmau séguelle ao Consello Europeo, que lle deu un forte apoio a Ucraína tras recoñecela como aspirante ao ingreso na UE, e pechará os traballos o martes, unha xornada antes do decisivo cumio da OTAN en Madrid.
A primeira xornada está focalizada nos danos económicos derivados da guerra, a loita contra a inflación causada principalmente polo sector enerxético, e a crise alimentaria que se teme precipite o bloqueo ruso ás exportacións do trigo ucraíno.
O luns agárdase a intervención, por medio dunha videoconferencia, do presidente ucraíno, Volodímir Zelenski, mentres o seu país sofre a ofensiva rusa sobre o leste e con novos ataques este domingo sobre Kíiv.
Antes das sesións coas sete potencias, Scholz mantivo un encontro bilateral co presidente dos Estado Unidos Joe Biden, quen lle expresou ao chanceler alemán a necesidade de manter a cohesión ante "os retos aos que nos enfrontamos".
"Putin conta coa división do G-7 e da OTAN", agregou Biden, nunha breve comparecencia ante os medios para engadir que "non o fixemos nin o faremos".
Biden, que chegou o sábado pola noite a Elmau, xa adiantou na súa conta en Twitter, que o G-7 anunciará a prohibición de importar ouro de Rusia, entre as novas medidas destinadas a sancionar a invasión de Ucraína.
Este propósito compárteo Boris Johnson, que intentara convencer o resto do G-7, entre os que están os socios da UE Alemaña, Francia e Italia, a unirse a estas sancións.
O anfitrión alemán quere "buscar consensos" tanto no G-7 coma nas reunións ás que o luns se suman os líderes doutros cinco países convidados, -India, Indonesia, Suráfrica, Senegal e a Arxentina. Este último país representa a América Latina e o Caribe.
Alemaña pretende ademais impulsar o denominado "Club do Clima" desde unha perspectiva "inclusiva" coa intención de unir un amplo espectro doutros países industrializados.