Publicador de contidos
Publicador de contidos

Iggy Pop encabeza o Festival Latitudes que se celebra en Vigo

Iggy Pop encabeza o Festival Latitudes que se celebra en Vigo

A lenda de Iggy Pop encabeza un cartel que completan bandas galegas como Bala e internacionais como Two Door Cinema Club

G24.gal 19/08/2022 21:04

A primeira edición en Vigo do Festival Latitudes, que forma parte da programación musical do Xacobeo, abriu as súas portas esta tarde no peirao de Transatlánticos coa lenda estadounidense Iggy Pop como cabeza de cartel. 

Toda visita da Iguana máis famosa da música é, aos seus 75 anos, garantía dun bo e enérxico directo e iso mesmo é o que se agarda para este recinto portuario para a xornada do sábado, que é cando actuará a estrela de Michigan. Farao rodeado dunha constelación de artistas entre os que figuran os británicos The Vaccines e a banda pontevedresa Furious Monkey House.

Hoxe as encargadas de abrir o cartel son as bandas galegas Zalomon Grass e Bala, que darán paso aos suecos Mando Diao e os irlandeses Two Door Cinema Club, dous nomes relevantes na escena pop-rock internacional.

O festival Vigo Transforma tivo unha existencia breve entre os anos 2010 e 2011, pero o seu cartel, que trouxo á cidade a Divine Comedy, The XX ou Moby perdura no recordo dos afeccionados á musica que o viviron.

Once anos despois daquel grande evento, outra tripulación de estrelas internacionais do pop e do rock volve amarrar no peirao de transatlánticos vigués. 

Bandas galegas como Aphonic, Zalomon Grass, Furious Monkey House e Bala abrirán as dúas xornadas de programación compartida cunha lenda viva da música como Iggy Pop.

A Garda Civil estableceu un perímetro arredor do recinto de modo que obriga aos barcos a manterse a 150 metros do peirao, o que tamén modifica os atraques dos grandes buques. Esta delimitación tamén estará vixente durante o concerto de C. Tangana que se celebrará neste mesmo lugar na xornada do 23 de agosto.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade