Publicador de contidos
Publicador de contidos

Piden 13 anos de cárcere para o acusado de matar o seu irmán cun sacho

Piden 13 anos de cárcere para o acusado de matar o seu irmán cun sacho

O xuízo por este suceso, ocorrido en Salceda de Caselas, comezou este luns en Pontevedra

G24.gal 07/11/2022 14:17

Comezou este luns en Pontevedra o xuízo polo caso coñecido como o crime do sacho. A Fiscalía pide 13 anos de cadea para un home que matou o seu irmán con esa ferramenta en 2019 en Salceda de Caselas. A Audiencia Provincial de Pontevedra reservou os cinco días desta semana para celebrar este xuízo, con xurado popular, que quedou constituído hoxe a media mañá.

Segundo consta no escrito da acusación, acudiu o 30 de agosto de 2019 ás inmediacións dunha leira titularidade da vítima, onde tras iniciar unha disputa con el actuou coa intención de acabar coa súa vida e fixo uso dunha ferramenta de campo, concretamente un sacho.

O ataque violento acabou coa vida do seu irmán dúas horas despois no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo con feridas craniais e tamén nos brazos e pernas. Foi o propio fratricida quen chamou poucos minutos despois da agresión á Garda Civil do Porriño e confesou os feitos.

O falecido estaba casado e tiña dous fillos, un deles menor de idade. Por iso a acusación pide trece anos de prisión e inhabilitación absoluta durante o tempo da condena e a prohibición de achegarse a menos de 500 metros dos domicilios da esposa e fillos da vítima, así como a eles onde queira que se atopen. En caso de ser declarado culpable tampouco poderá comunicarse con eles por ningún medio nun período de dez anos e indemnizar a viúva con 200.000 euros e a cada fillo con 300.000 e os gastos que teñan orixe coa morte do seu pai.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade