Piden 33 anos de cárcere para o acusado do tiroteo da gasolineira de Tamallancos
Piden 33 anos de cárcere para o acusado do tiroteo da gasolineira de Tamallancos
Para a muller piden 22 anos de prisión como cooperadora necesaria
Celebrouse esta mañá na Audiencia Provincial de Ourense a primeira xornada do xuízo polo tiroteo da estación de servizo de Tamallancos no 2022 en Vilamarín. A Fiscalía pide 33 anos de prisión para o presunto autor dos disparos que feriron catro persoas e 22 para a súa muller por cooperadora necesaria. Aconteceu tras desavinzas entre dous clans familiares pola relación sentimental entre os seus fillos.
O matrimonio acusado non declarou. Ratificaron a declaración que fixeron na instrución. Daquela el dixera que a intención non era matar a ninguén, senón dar uns tiros ao aire para asustar o marido da súa filla, menor de idade e presuntamente vítima de malos tratos, e os pais de el, e que o fixera despois de ter beber máis dunha ducia de cervexas.
Os feitos aconteceron o 8 de marzo de 2022 tras desavinzas entre as dúas familias pola relación dos fillos. Quedaran na estación de servizo de Tamallancos para levar para Ferrol, onde viven, a filla dos acusados.
Segundo declararon por videoconferencia o mozo, a nai e o pai, estaban agardando por eles na cafetería cando recibiron unha chamada para que saísen, unha vez fóra, din, o acusado disparou cunha escopeta nas pernas contra o seu xenro e a súa nai.
Dentro da cafetería, os disparos volveron alcanzar o mozo nas costas e no brazo, o pai e tamén un cliente que estaba xogando ao dominó.
O Ministerio Fiscal pide para o acusado 9 anos de prisión por cada un dos tres delitos de homicidio en grao de tentativa, 4 anos por un delito de lesións e 2 por tenza ilícita de armas. 33 en total. Para a muller piden 22 anos de cárcere por cooperadora necesaria. A acusación particular eleva as penas ao considerar que se trata dun delito de asasinato en grao de tentativa. A defensa pide a libre absolución. O xuízo continúa mañá coas probas periciais.