Comeza O Son do Camiño, con 120.000 espectadores e hoteis rozando o cheo
Comeza O Son do Camiño, con 120.000 espectadores e hoteis rozando o cheo
Esta será a primeira vez que haberá dous escenarios principais, situados un á beira do outro
O compostelán Monte do Gozo acolle desde este xoves 15 de xuño e ata o sábado 17 o festival Son do Camiño, ao que se espera que acudan 120.000 espectadores procedentes de 35 países para ver a artistas como Bizarrap, Maluma ou Aitana, os cabezas de cartel desta edición.
Corenta artistas nacionais e internacionais de todos os xéneros
Completan o cartel artistas como Leiva ou Duki, que xa estivo o ano pasado, Eladio Carrión, o artista americano símbolo internacional do reguetón e o trap latino, tamén estará en Santiago, así como Moura.
Doutra banda, tamén actuarán Alt-J, banda inglesa de indie-rock, e os tamén ingleses The Kooks. Únense, así mesmo, os australianos Wolfmother e os Royal Blood, que visitarán Galicia por vez primeira en 2023.
Esta edición contará tamén coas actuacións de Vetusta Morla, WOS e Kaiser Chiefs. O produtor sueco Steve Angello, integrante de Swedish House Mafia, un dos maiores referentes mundiais da música electrónica, será outro cabeza de cartel do festival santiagués.
Ademais, Morten chegará desde Dinamarca para ser outro representante da electrónica escandinava, unha das grandes protagonistas do Son Do Camiño 2023.
A todos estes nomes uniranse outros grandes representantes do mellor do panorama nacional, internacional e galego: Xoel López, Viva Suecia, Nervo, Marlon, Ginebras, Delaporte, Niña Polaca, Mavica, Dani, Chica Sobresalto, Anaju, Nano, Sila Lua, The Rapants, Babykatze, Flaca, Groove Amigos, Michenlo, Toccororo, Fillas de Cassandra, Alexandre Sam, Galician Army, Chico Blanco, Karras Martínez, Yung Prado, Bárbara Lago, Bastian Bux, Fer BR, Mëstiza e Thom Archi completan este cartel.
O Son do Camiño en cifras
A poucas horas de que arrinque o festival, os establecementos hostaleiros da cidade rozan o cheo.
A Asociación de Hostalería de Compostela aseguraba que, conforme á enquisa de ocupación realizada entre os hoteis asociados hai uns días, a media de ocupación era dun 96,78 %. Polo cal, agora, "igual sería mesmo máis polas reservas de última hora", matizan.
Apuntan ademais que algúns pequenos e medios establecementos hostaleiros xa estaban completos.
A organización do festival estima que O Son do Camiño chegará a xerar ao redor de 1.000 postos de traballo directo e máis de 5.000 indirectos.
Aínda que o retorno económico é difícil de calcular de maneira previa, apuntan a que superará os 90 millóns de euros. Na edición pasada, o retorno publicitario foi de máis de 70 millóns de euros.