O Milladoiro, en Ames, estará en obras ata finais de 2025 pola remodelación da N-550
O Milladoiro, en Ames, estará en obras ata finais de 2025 pola remodelación da N-550
Os traballos afectan un treito de 1,6 quilómetros na principal arteria desta vila veciña de Compostela
A veciñanza do Milladoiro, dividida polo proxecto de humanización da avenida
O proxecto de remodelación da travesía do Milladoiro, en Ames, contempla reducir a circulación a un carril en cada sentido, para ampliar as beirarrúas e a medianeira, e facer un carril bici. O obxectivo é humanizar a travesía, un treito da N-550 ás portas de Santiago polo que pasan arredor de 30.000 vehículos diarios.
Hai división de opinións sobre o proxecto na veciñanza. Para os que viven en primeira liña, na avenida Rosalía de Castro, pode ser unha oportunidade para aliviar o ruído e as molestias do intenso tráfico na rúa. A contrapartida: a redución de prazas de estacionamento e o caos de tráfico que prevén que ocasionen as obras na zona.
"Vai haber un atasco aquí impresionante, se anulan un carril para arriba e outro para abaixo", opina un veciño. "Un embude, para ir o hospital teremos que saír media hora antes", di outra.
Así que, con esas expectativas, tamén hai malestar entre a veciñanza: algúns cren que había outras solucións para reducir o tráfico na zona, que terían que habilitar antes de acometer esta obra.
"Seguimos sen ter unha circunvalación -explica un veciño- nin temos liberada a peaxe Santiago-Padrón, que sería unha maneira de reducir o tráfico aquí".
Convocaron manifestacións e están recollendo sinaturas para pedir un redeseño do proxecto. Está previsto que as obras de humanización da zona se estendan ata finais de 2025.