Como a bioeconomía pode apoiar a loita contra o cambio climático?, por María Loureiro
Como a bioeconomía pode apoiar a loita contra o cambio climático?, por María Loureiro
O obxectivo principal de BIOECON é investigar as forzas económicas e políticas responsables da diminución da biodiversidade
Precísanse incentivos económicos e lexislación que integre o ambiente na toma de decisións económicas
Os pasados xoves e venres tivo lugar en Santiago de Compostela o XXIV encontro internacional de Biodiversidade e Economía para a Conservación (BIOECON).
BIOECON é unha rede interdisciplinaria cuxo obxectivo é promover a teoría e a política económica para a conservación da biodiversidade que se fundou na Universidade de Cambridge, no Reino Unido.
Reúne economistas, avogados e científicos de importantes institucións académicas e de investigación internacionais e das principais organizacións políticas que traballan no deseño e a implementación de incentivos económicos de vangarda para a conservación da biodiversidade.
Durante os últimos 24 anos, a rede e a súa conferencia anual tamén serviron como foro para que as organizacións políticas e os analistas gobernamentais se reúnan e consideren tamén cuestións de biodiversidade e conservación.
Solucións naturais ao cambio climático
O obxectivo principal de BIOECON é investigar as forzas económicas e políticas responsables da diminución da biodiversidade e, en consecuencia, desenvolver e poñer en funcionamento ferramentas, é dicir, mecanismos de incentivos, que poderían deter, se non reverter, os efectos destas forzas.
Nesta última edición, os participantes, que foron investigadores e investigadoras de máis de 30 países diferentes, reuníronse por primeira vez en España, en Santiago de Compostela. Estudaron como o cambio climático está arredando as metas de preservación da biodiversidade fixadas polas Nación Unidas para 2030.
As leccións aprendidas subliñan a importancia e necesidade de poñer en marcha políticas de protección tanto de mitigación como de adaptación baseada na boa saúde dos ecosistemas, o que se chama solucións naturais ao cambio climático.
Iso implica a restauración de ecosistemas danados para que sexan capaces de desenvolver ben as súas funcións e aumenten as capacidades de sumidoiro do carbono, a polinización das plantas, ou o albergue da biodiversidade.
E como se pode protexer o medio sen frear a economía?
Pois a través de incentivos económicos e lexislación que integre o ambiente na toma de decisións económicas, entre outras cousas. Os investigadores comentaron como o goberno norteamericano de Biden está preparando unha normativa sobre análise custo-beneficio para protección á biodiversidade e espazos naturais.
Polo tanto, nese país norteamericano, no futuro as empresas ou entidades estatais que pretendan usar un espazo público para construír un parque eólico, unha instalación fotovoltaica ou levar a cabo outro investimento, terán que contabilizar os custos ambientais e sociais das súas actuacións co fin de compensar polo dano ocasionado.
Así, ponse de manifesto e derriba da mesa o feito da distribución desigual de custos e beneficios, xa que en moitos investimentos é a comunidade local a que perde biodiversidade ou espazos naturais mentres as ganancias as levan as empresas operantes.
Esta compensación que terán que pagar empresas e outras institucións é fundamental para a conservación da natureza e axudará a ter un mapa de utilización do territorio máis coherente e respectuoso, tanto coa natureza coma coas comunidades locais.
Situación de Galicia
En Galicia, a administración autonómica está tamén considerando no art. 7 da Lei dos Usos do Litoral de Galicia a necesidade de que as empresas que soliciten concesión para a utilización do noso territorio, como por exemplo para o desenvolvemento da enerxía eólica tanto mariña coma terrestre, tamén teñan que presentar unha análise socioeconómica que considere os ecosistemas e os impactos ocasionados e considere os efectos sobre a biodiversidade, as tradicións locais ou outros elementos que estean en risco ao desenvolverse o proxecto.
Iso, dende logo, son boas novas, primeiro por ser Galicia unha pioneira na súa consideración, e segundo, tamén é bo tanto para o clima coma para a sociedade, pois non todo vale, nin sequera na loita contra o cambio climático.