Publicador de contidos
Publicador de contidos

Como a muller do César, por Venancio Salcines

Como a muller do César, por Venancio Salcines

Igual que se espera a máxima imparcialidade dun árbitro no xogo, espérase o mesmo do gobernador do Banco Central

G24.gal 04/09/2024 08:06

As funcións máis importantes dun Banco Central, en España, desenvólvense no marco da Unión Europea, máis concretamente desenvólveas o Sistema Europeo de Bancos Centrais (SEBC). Non obstante, o Banco de España non está baleiro de atribucións porque é o garante da solvencia do sistema financeiro español, do seu funcionamento, é dicir, da propia estabilidade do sistema.

A supervisión da solvencia pode parecer un tema menor, pero ten a máxima importancia porque detrás dela está a política de dividendos da banca, o nivel de capitalización das entidades ou a política de riscos financeiros, que repercuten directamente no nivel de investimentos das familias ou das empresas. Polo xeral, as medidas e parámetros utilizados polo banco central nacional son similares aos doutras nacións do SEBC, pero cando se dan situacións particulares, como o impacto da crise financeira en España, o Banco de España aplicou a política que considerou máis apropiada. E foi diferente á aplicada polos nosos veciños.

Polo tanto, o Banco de España marca as regras de xogo do sistema e como todo gardián ten capacidade e autoridade para actuar sobre calquera dos xogadores que están nese momento no campo.

Igual que se espera a máxima imparcialidade dun árbitro no xogo, esperase o mesmo do gobernador do Banco Central. O ministro José Luis Escrivá chegou á política da man do Partido Popular, que o upou ao posto de presidente da Autoridade Independente de Responsabilidade Fiscal, aínda que foi o PSOE quen lle deu o primeiro ministerio, o de Seguridade Social. Non está considerado un activista político ni un ministro con excesiva carga ideolóxica, máis ben un tecnócrata; dito isto, as institucións chamadas a velar polo funcionamento do sistema deberían aplicar a máxima da muller de Calígula, selo e parecelo. Neste caso, ser imparcial e parecelo, cousa que é evidente que non vai pasar. Esta ausencia de credibilidade, se o sistema navega en augas calmas, pode non ter consecuencias, pero se chega calquera tormenta, será unha debilidade que pasará factura.

Onte tamén puidemos coñecer os datos de desemprego en Galicia, que estiveron, dentro da lóxica, peores que o mes pasado, froito da fin da tempada de verán, e mellores que hai un ano. Agora temos preto de dez mil parados menos que hai doce meses. Un dato excelente. Nesta liña non sorprende que o paro se concentre no sector servizos.

O mercado laboral galego está nun punto no que reclama máis emprego feminino e máis calidade que cantidade. O reto agora é apostar polas actividades con máis valor engadido, apostar pola industria. E a aqueles que se queixan de que Galicia non dá mudado o seu modelo produtivo, diríalles que existen agora enriba da mesa da Xunta ducias de proxectos por milleiros de millóns e milleiros de empregos de alta calidade. Que o tema é remar todos xuntos, censurando os xuíces que xogan a político e reclamando unidos os fondos europeos que viñan a cambiar o modelo produtivo español e non dan chegado a Galicia.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade