O TSXG decreta a suspensión cautelar de 7 parques eólicos por posibles danos ambientais
O TSXG decreta a suspensión cautelar de 7 parques eólicos por posibles danos ambientais
Faino "polo risco de que causen danos irreparables ao medio ambiente"
Pola contra, rexeitou a medida cautelar solicitada respecto a outros dous proxectos: Picato e Solpor
O alto tribunal galego emitiu xa 130 autos relativos a solicitudes de suspensión de autorizacións administrativas previas e de construción de 64 parques eólicos, dos cales 59 foron estimatorios
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) acordou a suspensión cautelar de sete parques eólicos -Serra de Liñares, Serra da Piñeira, Paraño Oeste, San Cristovo, Neboada, Monteagudo e Suime- polo risco de que causen danos irreparables ao medio ambiente e rexeitou a medida cautelar solicitada respecto a outros dous proxectos -Picato e Solpor-.
Ata hoxe, o alto tribunal galego emitiu un total de 130 autos relativos a solicitudes de suspensión de autorizacións administrativas previas e de construción de 64 parques eólicos, dos cales 59 foron estimatorios.
Segundo os autos publicados este luns polo TSXG, os maxistrados entenden acreditado que a execución dos proxectos podería ocasionar danos irreversibles a valores ambientais sensibles.
Ademais, nas resolucións indican que se probou que as instalacións poderían afectar a especies vulnerables ou en perigo de extinción que están comprendidas nas cuadrículas nas que se pretenden instalar os parques eólicos e que conforman hábitats de interese comunitario, os cales están recollidos na Declaración Ambiental Estratéxica do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico.
Nos autos, os maxistrados tamén realizan unha ponderación dos intereses en conflito e decretan que a protección do medio ambiente debe prevalecer.
En canto ao parque de San Cristovo, situado nos concellos de Monterroso, Portomarín e Taboada (Lugo), os xuíces advirten que "a afectación visual e paisaxística prevese severa e permanente no tempo, eliminando a funcionalidade paisaxística do Miradoiro Alto de San Cristovo", dado a proximidade á que se localizarían algúns dos aeroxeradores.
No auto relativo ao parque eólico Paraño Oeste, situado nos concellos de Forcarei (Pontevedra) e Beariz (Ourense), a Sala afirma que "resulta relevante" a inclusión do espazo da poligonal eólica "na área cualificada como de exclusión eólica polo Mapa de Zonificación Ambiental elaborado polo Ministerio de Transición Ecolóxica", do mesmo xeito que sucede, segundo destaca o tribunal, cos parques de Serra da Piñeira, Neboada, Monteagudo e Suime.
Ademais, indica que neste caso quedou acreditada "unha proximidade crítica na que a afectación aos elementos que serviron para a catalogación do espazo como Rede Natura poden verse seriamente comprometidos".
O TSXG entende, respecto a as instalacións de Serra da Piñeira, situadas nos concellos de Baralla, Láncara e Becerreá (Lugo), que concorren elementos para considerar a afectación a espazos de interese paisaxístico, tanto en relación á Rede Natura como á Reserva da Biosfera.
Con todo, sinala que, "aínda que é pública e notoria a presenza esporádica do oso no Concello de Baralla", no informe achegado pola demandante "non se fai un mínimo desenvolvemento da afectación dun hábitat que poida resultar simplemente ocasional ou de paso para o plantígrado".
Por iso, afirma que carece de elementos suficientes para avaliar o impacto negativo pretendido, aínda que considera indiciariamente acreditada a presenza de lobo na contorna, do mesmo xeito que na zona onde se prevé instalar o parque eólico Serra de Liñares.
Respecto ao proxecto Neboada, situado na Rúa, A Pobra de Trives, San Xoán de Río, Vilamartín de Valdeorras (Ourense), Quiroga e Ribas de Sil (Lugo), a Sala entende que concorre "a circunstancia dunha proximidade relevante a espazos xa caracterizados ambientalmente como altamente sensibles, ben por pertencer xa á Rede Natura, ben por estar previstos para a súa ampliación".
Na resolución relativa ao parque eólico Serra de Liñares, situado nos concellos da Fonsagrada e Negueira de Muñiz (Lugo), os maxistrados afirman que os datos que achega a demandante "son suficientes para dar conta da presenza, polo menos ocasional, do oso pardo nas inmediacións do terreo ocupado pola poligonal do parque eólico".
Ademais, no auto aseguran que a construción do parque podería ocasionar "unha grave afectación á vida das persoas debido á escasa distancia dos aeroxeradores dos núcleos de poboación".
En canto ao parque eólico Monteagudo, situado nos concellos de Arteixo, A Laracha e Carballo (A Coruña), o alto tribunal galego entende que tamén se probou indiciariamente "a afección por proximidade a espazos de gran valor natural e paisaxístico".
A sección terceira da Sala do contencioso-administrativo afirma que a demandante, no caso do parque eólico Suime, situado en Rodeiro (Pontevedra) conseguiu acreditar indiciariamente a existencia de elementos ambientais altamente sensibles, "ben por estar catalogados, ben por tratarse directamente de especies con distinto grao de protección ou perigo".
Rexeitados
Na resolución relativa ao parque eólico Picato, situado nos concellos de Guntín e Lugo, o TSXG rexeita a medida ao entender que a parte solicitante non concretou que valores ambientais poderían verse afectados pola súa construción, do mesmo xeito que sucede no caso do parque eólico Solpor, situado entre os concellos de Ordes e Mesía (A Coruña).
A Sala, no auto relativo ao proxecto denominado Solpor, tamén rexeita a solicitude de suspensión da autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción das instalacións.