Publicador de contidos
Publicador de contidos

A repotenciación reducirá de 3.000 a 600 os aeroxeradores duns 100 parques eólicos

A repotenciación reducirá de 3.000 a 600 os aeroxeradores duns 100 parques eólicos

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, asegurou no Parlamento que esta redución se vai realizar nos próximos oito anos

Arquivo (Europa Press/Carlos Castro)
G24.gal 28/10/2024 12:47 Última actualización 28/10/2024 13:57

A medida de repotenciación que afecta os parques eólicos con aeroxeradores máis antigos en Galicia implicará que unhas 100 instalacións que contan en total con 3.000 muíños reduciranos nun 80 % no prazo de oito anos, de modo que pasarán a ser uns 600.

Son as estimacións que deu a coñecer a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, na súa comparecencia no Parlamento para presentar os orzamentos do seu departamento para o ano que vén.

Xunto ás contas, a titular centrouse en reformas que a Xunta introduce a través da lei de medidas fiscais e administrativas no apartado enerxético e, máis en concreto, sobre o sector eólico.

"Nos próximos cinco anos uns 100 parques que contan cuns 3.000 aeroxeradores veranse obrigados a repotenciarse", sinalou, en relación a estas medidas que incumben aos muíños de maior antigüidade.

Así, "tras un prazo de moratoria que dá a lei de 18 meses para o inicio da tramitación destas repotenciacións", a consellería estima "dunha maneira prudente que en oito anos na paisaxe galega eses 3.000 muíños pasarán a ser 600 muíños", o que supón unha redución do 80 % dos muíños actuais.

Aínda sobre planificación enerxética, indicou que, "unha vez alcanzados os 6.500 MW entre instalados e autorizados", o Goberno galego considera "oportuno" elaborar un novo plan e dispón 1,2 millóns para iso.

Mentres, a coñecida como lei de acompañamento aos orzamentos "contempla xa previsións legais transitorias, para comezar a aplicar eses principios básicos".

A deputada socialista Patricia Iglesias acusou a Xunta de promover estas repotenciacións "sen diálogo e sen consenso" co sector, o que, ao seu xuízo, "denota falta de estratexia" e os "bandazos e máis bandazos" cos que fomenta "inseguridade xurídica" neste ámbito.

Por parte do BNG, Brais Ruanova coincidiu en que o Executivo autonómico "obriga a realizar repotenciacións co sector en contra" e ademais rexeitou bonificacións fiscais ao preguntar á conselleira "para quen traballan", en alusión ás enerxéticas. En canto ao canon da enerxía eólica, lamentou que a lei de medidas non o cambia senón que apunta a unha modificación futura.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade