Como pagar recibos nun caixeiro, usar a banca en liña ou evitar a fraude por Internet
Como pagar recibos nun caixeiro, usar a banca en liña ou evitar a fraude por Internet
Os cursos de formación financeira que promoven a Xunta e Abanca chegaron este ano a 30 concellos galegos
"Hoxe en día nos bancos case é todo banca electrónica ou caixeiro e moitos veciños si que nos transmiten que teñen dificultades", explica Rocío López, concelleira de Servizos Sociais na Laracha.
A aceleración dos procesos de dixitalización, especialmente na banca, están provocando situacións complicadas para algúns usuarios, moitos deles persoas maiores ás que lles custa estar ao día. Un convenio entre Abanca a a Xunta permite que os concellos máis afectados poidan solicitar cursos de competencias financeiras para os seus veciños. Este ano xa se celebraron máis de 30.
Son cursos que están tendo moita demanda naquelas poboacións que quedaron sen oficinas bancarias en que as persoas que están afeitas ao trato persoal cos axentes e a operar con libreta teñen agora que afacerse ao caixeiro automático.
Non é o caso da Laracha, onde si quedan bancos abertos, pero onde moitos usuarios teñen dúbidas sobre as funcións do caixeiro, o uso da banca el liña ou tamén sobre como evitar as cada vez máis frecuentes fraudes bancarias por Internet.
"Non estamos afeitos a estas tecnoloxías e fánsenos costa arriba. Ademais eu síntome moi insegura, e veño a ver se me sinto con menos medo porque eu a isto téñolle pánico", conta unha das alumnas.
"Teñen unha inseguridade que é algo que os limita e co curso poden ver que son uns pasos moi sinxelos", engade Álvaro Casas, profesor do curso.
O curso ten tamén unha parte teórica, onde os alumnos poden resolver todas as dúbidas. Moitas delas relativas ao phishing, ou fraude bancaria. O principal consello é nunca facilitar datos bancarios e moito menos claves nin por correo, nin por Internet nin por teléfono. E se temos dúbida, dirixirnos aos teléfonos oficiais da nosa entidade.