Compartir un décimo de lotería require precaución para evitar problemas
Compartir un décimo de lotería require precaución para evitar problemas
A lotería de Nadal foi o sorteo por excelencia en que se imprimían participacións desde entidades diversas. Esa práctica das papeleta foi cedendo terreo á de compartir un número, pero coa venda de décimos. Isto evita problemas de xestión, de seguridade e de tributacións fiscal para quen vende e quen merca. Ao tratarse dun asunto de diñero, a precaución é clave ao compartir un décimo ou mercar unha participación para previr problemas gordos se toca un premio importante:
"Fagamos as cousas ben para, primeiro, cobrar a parte que nos corresponde e que a persoa que ten o billete, fisicamente o documento, non teña a tentación de non repartilo e para que a Axencia Tributaria e Facenda (da Xunta) teñan as cousas claras e saiban a quen lle repercutir o beneficio e quen ten que pagar impostos por ese beneficio", di a avogada Ana Camiño.
Para deixar constancia de quen posúe o décimo, o usual é compartir a imaxe do mesmo a través da mensaxería instantánea: "Asinámolo por detrás indicando os DNI e facémoslle unha foto", di unha apostante e outro afirma: "Fágolle unha foto e mándoo a través do teléfono".
"Á hora de ilo cobrar, para non ter problemas con Facenda, todas as persoas que participan nese premio deberían presentarse ou nun banco ou na oficina de Loterías para reclamar o cobro dese premio, e que xa se poidan facer as retencións oportunas a cada unha desas persoas", sinala a avogada Ana Camiño.
E é que, se só o cobra quen ten o décimo e logo o reparte, fiscalmente interpretaría iso como unha doazón pola que habería que pagar o imposto correspondente.