Concellos, particulares e empresas recollen produtos para enviar a Valencia
Concellos, particulares e empresas recollen produtos para enviar a Valencia
Desde o concello de Mos saíu este sábado cara ao Levante persoal do Servizo Municipal de Emerxencias
Levan vehículos especializados, material de liberación, bombas de achique e xeradores eléctricos
En Lugo, unha empresa de transportes levará uns tres camións con alimentos, roupa e produtos de hixiene
A Federación Española de Municipios e Provincias facía un chamamento para a recollida de material e alimentos para enviar aos afectados pola DINA.
En Galicia moitos concellos están a responder habilitando puntos de recollida de produtos de primeira necesidade. Tamén están a organizar iniciativas de voluntariado.
Colaboran concellos, particulares e empresas, coma esta de transportes de Lugo. Están a recoller alimentos que non precisen ser cociñados, auga e produtos de limpeza e de hixiene para trasladalos ata Valencia.
"O que nos chegue imos facelo chegar todo e xa comentamos con varias empresas e se doan máis material, xa doutro tipo, nós farémonos cargo do transporte", di Manolo Gallardo, da empresa de Transportes Gallardo Cervantes.
Nesta empresa de transportes contan encher polo menos tres camións. O primeiro vai estar no Levante xa o domingo e o resto o luns.
Desde o concello de Mos saía este sábado cara a Valencia persoal do Servizo Municipal de Emerxencias para colaborar nas tarefas de axuda. En total son 5 efectivos, 3 do Grupo de Emerxencias Supramunicipal e 2 voluntarios da Agrupación de Protección Civil de Mos.
Permanecerán na zona afectada pola DINA uns 10 días. Levan vehículos especializados, material de liberación, bombas de achique e xeradores eléctricos.
"Tiven a posibilidade de falar co xefe de comunicación da alcaldesa e poder detallarme o máis necesario e que chegase o mais rápido que son os equipos que dan a posibilidade de dar corrente eléctrica", destaca Nidia Arévalo, alcaldesa de Mos.
A asociación de voluntariado Mos Axuda abría tamén as portas este sábado e os particulares levaban os produtos máis demandados.
Moita solidariedade tamén en Compostela. Protección Civil recollía máis produtos de primeira necesidade.
E na Coruña, nas instalacións do Estadio de Riazor, repetíanse imaxes similares, con xente levando produtos aos puntos de recollida.
Estes son só un exemplo. Outros moitos particulares están a colaborar en toda Galicia movidos pola solidariedade.