Publicador de contidos
Publicador de contidos

Conde cre que "hai marxe" para que Altri acceda a fondos europeos, e o Goberno di que non pode ser "a dedo"

Conde cre que "hai marxe" para que Altri acceda a fondos europeos, e o Goberno di que non pode ser "a dedo"

"O que lle pedimos é igualdade de trato aos proxectos que estamos a presentar desde Galicia e, sobre todo, que haxa un trato igualitario con respecto a outras comunidades", di Francisco Conde

"As normas de aplicación dos fondos esixen que se sigan uns procedementos e, polo tanto, que non se poden dar a dedo", advertía este martes Nadia Calviño

G24.gal 07/06/2023 14:35

A Xunta de Galicia reivindica ante o Goberno central o proxecto de fibras téxtiles de Altri en Palas de Rei. O vicepresidente primeiro, Francisco Conde, pide igualdade de trato para as comunidades autónomas. Faino despois dunhas declaracións de Nadia Calviño nas que dicía que quedaba fóra "polos criterios de Europa".

Conde sostivo este luns en Santiago que "hai marxe" para que o proxecto de fibras téxtiles de Altri acceda a eses fondos.

Indicou que o proxecto da pasteira portuguesa cumpre os criterios establecidos pola Comisión Europea, de forma que "poida ter un encaixe do mesmo xeito que outros proxectos presentados por outras comunidades autónomas". "Por tanto, nós entendemos que hai esa marxe", dixo o vicepresidente primeiro da Xunta.

Conde lembrou, ademais, que se trata de "un compromiso explícito" por parte do presidente do Goberno, Pedro Sánchez. "Fai dez meses, na reunión do presidente do Goberno co presidente da Xunta de Galicia, Pedro Sánchez trasladoulle o apoio explícito ao proxecto de Altri como unha das prioridades que encaixan perfectamente nos propios principios", indicou.

"Parece razoable que un proxecto que está centrado na economía circular, que está centrado na sustentabilidade, na industria forestal, poida ter un encaixe como teñen outros sectores, outros proxectos, e non sabemos cal é o motivo polo cal non se traballou e, polo tanto, identificado este proxecto en igualdade de condicións que outros", dixo Conde.

"En calquera caso, o que si lle pedimos é igualdade de trato, que haxa un trato xusto aos proxectos que estamos a presentar desde Galicia e, sobre todo, que haxa un trato igualitario con respecto a outras comunidades autónomas", sinalou.

As palabras do vicepresidente primeiro da Xunta baten de fronte coas declaracións que realizaba este martes Nadia Calviño, vicepresidenta primeira do Goberno, e responsable de economía quen ao remate do Consello de Ministros dicía que eses fondos "non se poden dar a dedo".

"No Plan de Recuperación e na addenda, incorporáronse todos os proxectos que propuxo a comunidade autónoma de Galicia, salvo un proxecto no que parece que teñen un enorme interese", afirmaba Calviño.

"Pero teñen que entender tamén que as normas de aplicación dos fondos europeos esixen que se sigan uns procedementos, que se controle calquera conflito de interese e, polo tanto, que non se poden dar a dedo", advertiu a vicepresidenta do Goberno.

En abril do ano pasado, a pasteira portuguesa Altri anunciaba a súa intención de instalar en Palas de Rei a súa factoría de fibras téxtiles, coa que agardaba crear uns 1.500 postos de traballo directos.

Daquela dicía que cara a finais dese mesmo ano estaba previsto iniciar as obras e que a comezos de 2025 estivera xa en funcionamento.

A Xunta, no momento de facerse o anuncio aseguraba que era o principal proxecto co que Galicia optaba aos fondos Next Generation. "Necesitamos o Goberno central para pechar este círculo e apostar pola execución material e eficiente dos fondos europeos", dicía o daquela presidente Galego, Núñez Feijóo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade