Condena a doce anos e medio de cadea á muller que matou a súa compañeira de piso no Barco de Valdeorras
Condena a doce anos e medio de cadea á muller que matou a súa compañeira de piso no Barco de Valdeorras
A Audiencia Provincial de Ourense impúxolle o pago dunha indemnización á familia da vítima de 150.000 euros

A Audiencia Provincial de Ourense condenou, de conformidade co veredicto emitido polo Tribunal do Xurado, a doce anos e medio de cárcere á muller que matou á súa compañeira de piso, de 29 anos, no Barco de Valdeorras, segundo o fallo facilitado este luns polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. Ademais, impúxolle o pago dunha indemnización á familia da vítima de 150.000 euros.
O tribunal popular considerou a sospeitosa culpable dun delito de homicidio, coa concorrencia da circunstancia agravante de abuso de superioridade. A maxistrada presidenta declara no apartado de feitos probados da resolución que a vítima, que chegou a España procedente de Paraguai, coñeceu á acusada nun club no que ambas exercían a prostitución, así como que era habitual que lle prestase diñeiro e a procesada non llo devolvese.
Na sentenza relata que as dúas compartían piso e que, o día dos feitos, o 10 de setembro de 2021, chegaron á vivenda sobre as tres da madrugada. Pouco despois, entre as catro e as seis, segundo entendeu acreditado o xurado, “iniciouse un enfrontamento entre elas, no curso do cal a acusada comezou a agredir á súa compañeira” e causoulle lesións consistentes en múltiples contusións, así como unha ferida incisa no ombreiro esquerdo cun obxecto punzante. “Finalmente, colleu algún obxecto brando e, coa intención de anular a resistencia mostrada pola vítima e de acabar coa súa vida, colocoullo sobre a cara, taponoulle as vías respiratorias e apertou con forza ininterrompidamente ata que lle causou a morte por asfixia”, sinala a maxistrada presidenta na sentenza.
Para chegar a este veredicto o xurado tivo en conta as declaracións realizadas no xuízo polos médicos forenses, relativas a que a morte se produciu por asfixia, así como que as lesións que presentaba a vítima na cara e no pescozo eran de defensa.
Ademais, a maxistrada explica na resolución que o abuso de superioridade estimouno acreditado o xurado “polo carácter forte e difícil da acusada, corroborado polas testemuñas e recoñecido pola propia acusada, e polas declaracións dos forenses, que indican que se produciu opresión na pelve esquerda e no ombreiro esquerdo, o que lle impedía erguerse e produciulle un traumatismo cranioencefálico”.
O xurado non apreciou a concorrencia das circunstancias atenuantes de drogadicción e dilacións indebidas expostas pola defensa. Contra o ditame cabe recurso de apelación ante o TSXG.