Publicador de contidos
Publicador de contidos

Condenado a 23 anos e medio de prisión polo tiroteo da gasolineira de Tamallancos

Condenado a 23 anos e medio de prisión polo tiroteo da gasolineira de Tamallancos

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia absolveu a muller do autor do crime, acusada de cooperadora necesaria

G24.gal 18/04/2024 18:28 Última actualización 18/04/2024 19:21

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) condenou este xoves a vinte e tres anos e seis meses de cárcere o autor dun tiroteo na gasolineira de Tamallancos, en Vilamarín. O acusado intentou disparar ao seu xenro e aos seus consogros cunha escopeta. 

O TSXG considera probado que o 8 de marzo do ano 2022, Esteban M. M. acudiu á estación de servizo de Tamallancos armado cunha escopeta coa intención de causar o maior dano posible aos membros da outra familia. A súa reacción estivo motivada por supostas desavinzas entre dúas familias debido á relación que mantiñan os máis novos, que levaban varios meses convivindo xuntos.

A Fiscalía considerou que, tras varios desencontros motivados por esta relación, os proxenitores da moza viaxaron a Ourense e citáronse na estación de servizo cos pais da outra familia. O pai da moza acudiu armado cunha escopeta e ao chegar á gasolineira empezou a disparar aos seus consogros e ao seu propio xenro.

Primeiro houbo un tiroteo no aparcadoiro e acto seguido o home accedeu ao bar, onde volveu disparar, ferindo non só a eles, senón tamén un cliente do establecemento. O alto tribunal atribuíulle dous delitos de intento de asasinato, un de intento de homicidio e lesións con instrumento perigoso, e outro de tenza ilícita de armas.

Con todo, absolveu a muller acusada de cooperadora necesaria, ao sinalar que non quedou acreditado que participase na agresión "de maneira relevante ou accesoria". O TSXG condenou, ademais, o autor dos disparos, unha vez saia de prisión, á prohibición de aproximarse a menos de trescentos metros das catro vítimas xa sexa aos seus domicilios, lugares de traballo ou calquera outro frecuentado por eles, e a contactar con eles por calquera medio.

Finalmente, a condena foi de 23 anos e medio de prisión, pese a que nun primeiro momento a Fiscalía pedira 33 anos de cárcere para o acusado. Mentres que para a súa muller, xa absolta, pedían 22 anos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade