O autor do crime do Areal, condenado a 11 anos e medio de cárcere
O autor do crime do Areal, condenado a 11 anos e medio de cárcere
Tras recoñecer os feitos e recibir o veredicto de culpabilidade do xurado, David Macía é condenado por delitos de homicidio e estafa contra o profesor xubilado Benito Torreiro
O autor confeso do crime do areal, David Macía, foi condenado este mércores a penas que suman 11 anos e medio de cárcere, por un delito de homicidio e outro continuado de estafa, pola sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo.
A sala acordou impoñer estas penas tras coñecer o veredicto de culpabilidade do xurado popular. Así, considerou probado que entre o 28 e o 29 de decembro de 2021, David Macía golpeou na cabeza e na cara cunha bóla decorativa de mármore o profesor xubilado Benito Torreiro no seu domicilio, con ánimo de causarlle a morte. A continuación, cando a vítima xa caera conmocionada polos traumatismos, colleu un coitelo de cociña e apuñalouno 21 veces.
Ademais, contratou varias tarxetas móbiles asociadas ás contas da vítima e, tras matalo, subtraeulle as tarxetas bancarias físicas, o teléfono móbil, a tarxeta sanitaria e as chaves da vivenda, antes de marchar do seu piso.
Nos días seguintes, permaneceu aloxado nun hotel da Cidade Olívica e realizou gastos, tanto en Vigo como noutros puntos de Galicia, con cargo ás contas do falecido, por máis de 17.000 euros, incluída a compra de dous vehículos de segunda man.
O acusado, durante o xuízo celebrado en Vigo, recoñeceu os feitos, aínda que non aclarou por que matara a Benito Torreiro. Ademais, antes da celebración da vista, indemnizou os irmáns da vítima cuns 40.000 euros.