Publicador de contidos
Publicador de contidos

Condenan a 2,5 anos de cárcere a Oleg Orlov, activista ruso e Nobel da Paz en 2022

Condenan a 2,5 anos de cárcere a Oleg Orlov, activista ruso e Nobel da Paz en 2022

O dirixente da organización Memorial, que en 2022 foi galardoada co premio da Academia norueguesa, estaba acusado de desprestixiar o Exército ruso

G24.gal 27/02/2024 10:51 Última actualización 27/02/2024 11:26

O veterano activista Oleg Orlov, dirixente de Memorial, organización de dereitos humanos que recibiu o Nobel da Paz en 2022, foi condenado este martes pola xustiza rusa a 2 anos e seis meses de cárcere polo delito de desprestixio ao Exército.

Nada máis coñecerse o ditame, os axentes da orde encapuchados esposaron a Orlov, de 70 anos, e introducírono nunha cela na mesma sala do Tribunal Golovinski de Moscova.

O activista foi condenado por un artigo en que chamou ao actual réxime político "totalitario e fascista", algo que, segundo as súas palabras, non esaxerou "nadiña de nada", á vista do ocorrido nos últimos meses, incluído a recente morte en prisión do opositor Alexéi Navalni.

O pasado 11 de outubro Orlov, quen tamén se manifestou na praza Roxa contra a guerra en Ucraína, foi multado con 150.000 rublos (1.500 euros) por este mesmo caso, pero a Fiscalía recorreu o fallo ao acusar a Orlov de "albergar odio ideolóxico e político" contra Rusia, tras o que o Tribunal Urbano de Moscova ordenou repetir o xuízo.

Entón a xuíza tivo en conta como atenuante, entre outras cousas, a idade do acusado e a súa brillante traxectoria como activista durante os últimos 30 anos.

Ademais, tamén foi acusado nesta ocasión de animadversión contra os principios morais tradicionais e tamén contra os valores patrióticos que profesa o Kremlin.

"Acúsannos de desprestixio, sen explicar de que se trata e en que se diferencia da crítica lexítima. Acúsannos de difundir intencionadamente información falsa sen molestarse en demostrar a súa falsidade", dixo Orlov na véspera cando pronunciou as súas últimas palabras.

Orlov sentiu identificado co personaxe da novela "O proceso" de Franz Kafka, xa que el tampouco entende por que e de que lle acusan.

"O Estado no noso país de novo controla non só a vida social, política e económica, senón que aspira ao total control da cultura, o pensamento científico e invade a vida privada. Convértese en absoluto", dixo.

Más dunha decena de diplomáticos occidentais, incluídos representantes dos Estados Unidos e da Unión Europea na capital rusa, asistiron o martes á vista, segundo informou Memorial en Telegram.

Durante o proceso, Orlov negouse a recoñecer a súa culpa e renunciou á presenza de testemuñas na súa defensa, aducindo que podía suporlles un risco, xa que el foi catalogado a principios de febreiro como axente estranxeiro.

O ditame coincidiu co noveno aniversario do asasinato preto do Kremlin do dirixente opositor e exviceprimeiro ministro ruso, Boris Nemtsov.

Os tribunais incoaron en marzo o caso penal contra Orlov polo artigo titulado Querían Fascismo, xa o teñen, publicado na prensa francesa e colgado en novembro de 2022 en Facebook.

"A guerra sanguenta declarada polo réxime de Putin en Ucraína non só significa o asasinato masivo de persoas, senón a destrución da infraestrutura, a economía e os bens culturais dese extraordinario país", rezaba o artigo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade