A Xunta aproba o anteproxecto de Lei do litoral a pesar do rexeitamento do Goberno
A Xunta aproba o anteproxecto de Lei do litoral a pesar do rexeitamento do Goberno
A normativa establece actividades estratéxicas na costa e tamén regula cales se poderán desenvolver no dominio público terrestre e nas zonas de servidume
A Xunta defende que pode asumir as competencias sen reformar o Estatuto e debe facelo fronte ás actuacións do Goberno que só "achegan inseguridade xurídica"
A Xunta de Galicia deu o visto e prace este xoves ao anteproxecto de Lei de ordenación de litoral de Galicia, co que espera converterse na "primeira comunidade" en regular esta franxa costeira fronte á normativa do Goberno central, que considera que só achega "inseguridade xurídica".
Así o asegurou o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, na súa comparecencia tras a reunión semanal do Consello de goberno, na que lembrou que Galicia reclamou ao Estado a xestión do seu dominio público marítimo-terrestre e "non ten resposta".
Sostén Rueda que Galicia pode asumir esas competencias sen ter que reformar o Estatuto de Atuonomía, e que para iso conta co informe xurídico perceptivo, a pesar de que desde a administración do Estado manteñen que non é posible.
A conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, asegurou na mesma comparecencia de prensa que esta normativa ten dous principios inspiradores: "regular a franxa litoral desde Galicia" e "dar seguridade xurídica aos titulares de instalacións que licitamente están en dominio público".
Deste xeito establece por primeira vez "actividades estratéxicas" na costa, entre elas os establecementos da cadea mar-industria, centros de investigación científico ou establecementos de turismo que se sitúen en inmobles preexistentes con valor cultural, entre outros.
Agora o anteproxecto vaise someter a información pública durante 30 días, antes de ser aprobado polo Consello de la Xunta no primeiro trimestre de 2023 e iniciar a súa tramitación parlamentaria para ser aprobada o próximo ano.