Identificados os dous primeiros casos de ómicron en Galicia, na área de Vigo
Identificados os dous primeiros casos de ómicron en Galicia, na área de Vigo
Outros dez casos sospeitosos están en estudo
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, informou de que o Hospital Álvaro Cunqueiro acaba de identificar os dous primeiros casos de persoas afectadas pola variante ómicron da covid-19 en Galicia.
Ademais, explicou que hai outros dez casos en estudo neste momento.
Segundo destacou Feijóo, "hai algún contacto con outras áreas" da persona que tivo o primeiro positivo da mesma, procedente dunha viaxe a África.
O titular da Xunta espera que entre a tarde deste venres e a mañá deste sábado poderanse ter os resultados que confirmen se os dez casos en estudo corresponden ou non á variante ómicron.
Minuto a minuto
Comeza a conferencia de prensa do presidente da Xunta posterior ao Consello cos datos de incidencia da covid en Galicia.
"A nivel comparativo en incidencia estamos por riba da media de España, tanto a sete como a 14 días, pero seguimos sendo das tres comunidades con menor ocupación", di Núñez Feijóo.
"Galicia é a comunidade con máis vacinados con dobre pauta e terceira dose". O 93,7 % teñen dobre pauta e o 87 % dos maiores de 70, a terceira dose.
"O día 18 teremos os primeiros 60.000 rapaces e rapazas de entre 11 e 9 anos vacinados".
"Se un rapaz tivese a covid, esperaremos catro semanas para chamalo".
"Ofreceremos un cribado gratuíto a todos os nenos e nenas de 5 a 11 anos nas farmacias", di o presidente.
"Non deixa de ser sorprendente que ante esta sexta onda de covid o Goberno siga boicoteando eses 9.000 millóns de euros pactados dos que a Galicia lle corresponderían 558 millóns".
"Temos dous pacientes detectados coa variante ómicron na área de Vigo; dez en estudo", anuncia Feijóo.
A Xunta asinou un convenio co Concello de Ourense para ampliar o Complexo Hospitalario Universitario de Ourense. O presidente explica que "xa se licitaron as obras, son 52 millóns e medio de euros, e imos facer dous edificios: un edificio entre o Cristal e o Materno Infantil e despois remodelaremos por completo o Materno".
En materia de sanidade, "imos convocar 94 novas prazas de persoal funcionario sanitario e de saúde pública e administración sanitaria".
O presidente dá conta de varios acordos do consello en materia sanitaria, tanto relativos á convocatoria de probas como da publicación de puntuacións e adquisición de subministracións.
En materia de emprego, autorizouse un incremento da contía de axudas para autónomos ata os 8 millóns de euros en liñas de financiamento de proxectos de márketing, compras e reformas.
"Autorizamos a implantación dunha rede galega de internet das cousas para cubrir o 70 por cento do territorio con sensores", anuncia Feijóo, que explica que 300.000 sensores facilitarán datos, imaxes, cartografía cun investimento de 1,6 millóns de euros de aquí a 2023.
Núñez Feijóo explica que "esperamos ter máis vacinas, sería fundamental que tivéramos máis vacinas en decembro". Engade que "necesitamos 300.000".
En relación coas restricións e o certificado covid, "imos ampliar a cines, e eventos no interior e eventos masivos". "Probablemente as ceas non deben superar as dez persoas, como moito", engade.
En relación co financiamento autonómico, Feijóo di que "hai unhas grandes eivas no documento" e considera "sorprendente que se incremente o valor a efectos de financiamento das persoas novas e diminúa nas persoas maiores".
O titular da Xunta engade que, no financiamento autonómico "é evidente que hai traxes a medida en favor dalgunhas comunidades autónomas e ningún deles lle serve a Galicia".
Núñez Feijóo confirma que mantivo unha xuntanza informal co presidente de Aragón e o de Castela e León para avaliar o documento sobre financiamento autonómico remitido polo Ministerio de Facenda. "Imos preservar os principios e acordos da Declaración de Santiago", engade. "Non se trata de financiar territorios, trátase de financiar o custo real dos servizos públicos", di.
O titular do Executivo autonómico considera que o nomeamento de Carmela Silva como presidenta do PSdeG "paréceme tremendo; non podía elixir unha política máis especialista en confrontación e insulto", di.
Preguntado sobre as concrecións das medidas de cara ás xuntanzas de Nadal, Feijóo di: "Imos esperar o período epidemiolóxico que vencería dentro de oito días aproximadamente e aí tomaremos as decisións exactas en relación coas medidas e recomendacións, pero o que nos aconsellan é que as comidas non superen as oito-dez persoas e se é posible dentro das burbullas familiares".
Respecto da vacinación dos menores, concreta que se fará nos recintos ordinarios habilitados en Galicia para administrar a vacina. Serán os días 15, 16 e 17 pola tarde, e o 18 durante a mañá e a tarde.
O presidente explica que en canto estean concretados os novos espazos en que se propón esixir o certificado covid se realizará a solicitude de autorización ao Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. Con todo, entende que "temos que levar o certificado covid nolo pidan ou non nolo pidan para entrar nun cine; o lóxico é ter o mesmo certificado que piden para entrar nun restaurante".
"Estamos intentando manter a actividade programada" nos hospitais, di Feijóo, en relación a se foi necesario diminuír actividade cirúrxica. Engade que "houbo algunha tensión en Ourense".