Publicador de contidos
Publicador de contidos

O Goberno recorre ante o Tribunal Constitucional a Lei galega do litoral

O Goberno recorre ante o Tribunal Constitucional a Lei galega do litoral

O Goberno entende que a norma impulsada pola Xunta e aprobada polo Parlamento Galego invade competencias exclusivas da Administración central e recolle algunhas que o Estatuto de Autonomía de Galicia non contempla

Desde a Administración galega sosteñen que o Goberno "busca a confrontación" coa Xunta, xa que presenta o recurso sen convocar antes a Comisión Bilateral Estado-Galicia "para limar diferenzas"

G24.gal 10/10/2023 11:53 Última actualización 10/10/2023 20:35

O Consello de Ministros acordou este martes presentar ante o Tribunal Constitucional (TC) un recurso contra a Lei de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia.

Segundo explicou a voceira do Goberno e ministra en funcións de Política Territorial, Isabel Rodríguez, o Goberno entende, entre outras cousas, que invade competencias exclusivas do Executivo central e que asume funcións que non están recollidas no Estatuto de Autonomía de Galicia.

"Fundamentalmente o que fai a lei galega, e non hai dúbida no ditame do Consello de Estado, é que se apropia de competencias exclusivas do Estado para regular o réxime xurídico do dominio público marítimo terrestre", explicou en conferencia de prensa Isabel Rodríguez.

A voceira do Goberno dicía tamén que a norma aprobada polo Parlamento Galego, "incorpora de maneira unilateral o mar ao territorio da comunidade autónoma de Galicia"

Tamén sinala entre os motivos para presentar o recurso ante o TC que "reduce a protección dos terreos contiguos á ribeira do mar". "As comunidades autónomas poden ir máis alá da protección do litoral, pero non ir a menos na protección da costa", dicía Rodríguez.

Tamén, segundo o Goberno, na Lei do litoral "Galicia atribúese competencias propias que non están previstas no seu Estatuto". Neste sentido, a voceira do Goberno explicou que Cataluña, Andalucía, Canarias e Baleares asumiron competencias en materia de costas tras a reforma dos seus estatutos.

E por último, segundo dixo Isabel Rodríguez, tamén "invade competencias exclusivas do Estado en materia de pesca en augas exteriores".

O recurso chega tras o ditame elaborado polo Consello de Estado emitido o 21 de setembro. O Goberno pide ao TC que declare inconstitucionais 31 artigos da lei galega "o que supón o 40 por cento da mesma".

"É obrigación do Goberno velar e defender o cumprimento da Constitución en todo o territorio, tamén en Galicia", dixo Isabel Rodríguez, quen asegurou que a vontade do Executivo é de vontade "de diálogo permanente", e puxo como exemplo 180 acordos alcanzados con administracións autonómicas que evitaron recursos de inconstitucionalidade, "pero cando se producen excepcións como esta o Estado o que fai é velar polo cumprimento da Constitución", concluíu.

As empresas reclaman un marco legal estable

Desde as empresas da cadea mar industria reclaman un marco legal estable para as ubicadas na primeira liña de costa.

"Víamos con vos ollos a nova lei do litoral porque recollía a operativa do complexo mar industria, dun sector que leva décadas asentado na costa respectando os estándares ambientais. Este novo recurso do Goberno central xéranos grave inquedanza porque necesitamos seguridade xurídca para manter os investimentos a competitividade no futuro e en consecuencia a actividade e o emprego" explica Roberto Alonso de Anfaco-Cecopesca.

"O que precisamos, queremos e demandamos unha vez máis é que as administracións sexan quen de poñerse de acordo para lograr un réxime xurídico estable " comentou Fernando Otero, da Asociación galega de Empresarios Depuradores de Marisco.

"O Goberno busca a confrontación" coa Xunta

Tras coñecer o acordo do Goberno, fontes da Xunta de Galicia sinalaron que o executivo central esperou ata o último momento para recorrer, xa que o prazo para facelo expiraba este venres, e baseándose nun "suposto" informe do Consello de Estado que descoñece.

Critican así mesmo que expón o recurso "directamente", sen antes convocar a Comisión Bilateral Estado-Galicia "para limar diferenzas", polo que entende que o Goberno "busca a confrontación" coa Xunta.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, reaccionou sinalando que "parece de broma" que se faga contra unha comunidade "tan respectuosa" como Galicia e "coa que está a caer" en relación velada á amnistía que negocian os independentistas co candidato do PSOE, Pedro Sánchez.

"Non entendemos nin nos gusta", denunciou Rueda, que acusou ao Goberno de Pedro Sánchez de tomar esta decisión "sen ningunha comunicación previa" á Xunta e en base a un ditame do Consello de Estado que non coñecen, ademais de facelo no límite para poder recorrelo.

Respecto diso, Rueda defendeu que "non é unha lei política", senón unha norma "de xestión de algo tan importante como a costa", de forma que carga contra os argumentos do Goberno central de "salvagardar" a lei en todo o territorio.

A vicepresidenta segunda da Xunta e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, aseguraba que "non deixa de sorprendernos que nun momento no que están retorcendo a Constitución para a amnistía, de repente no caso de Galicia queiran atopar un recunchiño para recorrer todo o que facemos".

A  Lei de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia aprobouse no Parlamento o 4 de xullo pasado cos votos favorables do Partido Popular e a abstención da oposición

A Xunta defendeu en todo momento a legalidade da norma, e sostiña que achegaría seguridade xurídica ao sector mar-industria.

Nunha entrevista na Televisión de Galicia Ángeles Vázquez aseguraba o mes de xuño pasado que a norma pretendía "ordenar 1,6 millóns de hectáreas".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade