O Goberno crea a Autoridade de protección do informante para favorecer denuncias de corrupción
O Goberno crea a Autoridade de protección do informante para favorecer denuncias de corrupción
O ministro de Presidencia, Xustiza e Relacións coas Cortes, Félix Bolaños, asegura que se trata dun organismo que será independente e que non poderá recibir instrucións do Goberno nin de ningunha outra Administración
O Consello de Ministros tamén aprobou a creación de dúas fiscalías especiais para perseguir delitos de corrupción
O Consello de Ministros aprobou este martes un decreto para crear a Autoridade independente de protección do informante, para protexer a quen colabore coa xustiza para denunciar e esclarecer casos de corrupción, segundo explicou o ministro da Presidencia, Xustiza e Relacións coas Cortes, Félix Bolaños.
O ministro explicou que este organismo será independente e por tanto non pode recibir instrucións do Goberno nin de ningunha outra Administración, aínda que quedará inscrito a nivel organizativo e orzamentario no Ministerio que dirixe. Con todo, o obxectivo é que chegue a ter orzamento propio, segundo precisou.
Bolaños sinalou que esta autoridade protexerá a quen informe de "infraccións normativas e de calquera caso de corrupción", como parte das primeiras medidas do Plan de Acción pola Democracia anunciado recentemente polo Executivo. En concreto esta medida forma parte do bloque de medidas para fortalecer a lexislación para loitar contra comportamentos ilícitos, remarcou.
Neste sentido sinala que con este real decreto dáse un paso adiante que pon de manifesto a facilidade que dá o Goberno para que calquera persoa que coñeza un feito denunciable o denuncie e teña garantías de que non terá "ningún efecto negativo para el".
Indulto para o denunciante da Gürtel
En paralelo a estes decretos, o Consello de Ministros tamén acordou indultar parcialmente a José Luis Peñas, exconcelleiro do PP de Majadahonda, que foi quen revelara a trama Gürtel.
Peñas foi condenado por cinco delitos a unha pena de prisión de 5 anos e 3 meses e a unha inhabilitación absoluta para calquera cargo público. A pena de prisión non se executou porque ningún dos delitos individualmente considerado chegou a dous anos.
O indulto, contra o que non se manifestaron nin o Tribunal Supremo nin a Fiscalía, acórdase para as penas de inhabilitación, o que lle permitirá reintegrase ao seu posto como funcionario público.
"O indulto a Peñas, que foi esencial para a investigación dunha trama delituosa tan importante como a Gürtel, pon de manifesto que o Goberno ampara, apoia, recoñece e apoia a todas aquelas persoas que denuncian", dixo Félix Bolaños.
"A mensaxe que enviamos con este indulto é moi contundente: quen colabora coa Xustiza ten o apoio do Goberno", afirmou o ministro.
Dúas novas fiscalías contra a corrpución
Na mesma dirección o Consello de Ministros tamén aprobou un decreto polo que se crea dúas novas fiscalías especiais de sala para perseguir a corrupción, en concreto, unha dedicada a investigar delitos económicos e outra a delitos contra a administración pública.
Bolaños explicou a medida, un decreto para ampliar e modificar o persoal do Ministerio Fiscal e que se enmarca no Plan de Acción pola Democracia e que inclúe unha trintena de medidas para impulsar a transparencia das administracións públicas e dos medios de comunicación.
O ministro sinalou que as dúas novas fiscalías especiais (xa son 13), dependerán da Fiscalía Xeral do Estado e contarán con fiscais adscritos, co obxectivo de dotar de "unha maior especialización" ao traballo que fai a Fiscalía para poder loitar "con maior eficacia contra a corrupción pública e privada".
O real decreto aprobado tamén contempla a creación de 79 prazas de fiscais, entre elas seis destinadas a violencia de xénero nos xulgados especializados abertos este ano en Almería, Málaga, Dos Hermanas (Sevilla), As Palmas de Gran Canaria, Valencia e Pamplona.
Outras dúas prazas de fiscais das 79 irán destinadas ao reforzo, segundo explicou o ministro, doutros dous fiscais en Alxeciras e Cádiz para a loita contra os delitos de narcotráfico e branqueo do campo de Xibraltar.