A Coruña será sede da Axencia Española de Supervisión de Intelixencia Artificial
A Coruña será sede da Axencia Española de Supervisión de Intelixencia Artificial
O Goberno destaca o potencial da candidatura galega "polo seu importante ecosistema universitario e económico e empresarial" relacionado co sector
Alfonso Rueda celebra a elección da Coruña como "recoñecemento á potencia do sector TIC e á investigación galega", e a ministra Nadia Calviño di que, como galega, para ela "é unha alegría especial que se estea en Galicia"
A Coruña impúxose sobre outras trece candidaturas para albergar a sede da primeira Axencia Española de Supervisión de Intelixencia Artificial. O Goberno apostou pola cidade fronte a rivais como Ourense, Barcelona, Alacante ou Palma de Mallorca. Valorou o seu potente tecido empresarial, económico e universitario relacionado co sector.
"O Goberno valorou especialmente a capacidade dos centros de investigación das universidades galegas de poñer en marcha proxectos de carácter internacional, posicionando Galicia á vangarda da investigación en materia de intelixencia artificial", di Inés Rey, alcaldesa da Coruña.
A candidatura contou co apoio do Goberno autonómico e de preto dun cento de empresas e organismos de toda España relacionados coa intelixencia artificial, un sector que en Galicia factura anualmente preto de 3.000 millóns de euros.
"É un golpe de forza para ese sector que ten máis de 20.000 traballadores en toda a comunidade autónoma. E ponnos no mapa internacional da intelixencia artificial, e dunha forma moi potente", engade Julio Abalde, reitor da Universidade da Coruña.
A galega será a primeira axencia de control da intelixencia artificial de toda a Unión Europea.
"Posiciona España como o primeiro país da UE que vai ter un marco lexislativo para poder garantir unha dixitalización humanista, que protexa os nosos dereitos e os nosos valores. E como galega é unha alegría especial que se estea en Galicia" recalcou Nadia Calviño, vicepresidenta primeira do Goberno.
O Goberno ten presupostados cinco millóns de euros para a posta en marcha da Axencia de Supervisión de Intelixencia Artificial, que empezará a funcionar en 2023.
Madrid, Granada ou Aragón, estudan impugnar a decisión do Goberno
As cidades de Madrid e Granada estudan impugnar a elección da Coruña como sede da Axencia de Control de Intelixencia Artificial. Tamén o Goberno de Aragón discrepa desta designación, e tamén da de Sevilla como sede da Axencia Espacial Española.
"Pensamos que a decisión obedece a criterios electorais máis que a criterios obxectivos de cada unha das candidaturas. Cambiaron as regras á metade da partida e deixaron fóra media España", di Ramón Guirado, director xeral de Investigación do Goberno de Aragón.
" É un paso máis dado polo Goberno para descapitalizar Madrid, sen respecto nin decoro institucional", replica Enrique Ossorio, vicepresidente da Comunidade de Madrid,
Pola súa parte, a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, nunha publicación en Twitter, aseguraba que "consolidamos a nosa posición como polo tecnolóxico en Galicia e agora tamén en España".
"Hoxe gañou Coruña e, con ela, toda Galicia", concluía.
O reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, destaca amais do recoñecemento que supón o nomeamento, que esta decisión "colócanos no mapa mundial da Intelixencia Artificial".
A localización da Coruña, que recibiu o apoio de 92 entidades, decidiuse tras constatar que reúne os requisitos para albergar esta sede, tales como contorna económica e empresarial, ecosistema universitario, e relativos á loxística e comunicacións.
Esta axencia, dependente do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, será competente para supervisar o desenvolvemento dun ecosistema respectuoso e garantista no uso desta tecnoloxía e servirá para potenciar o ecosistema de investigación, empresarial e social relacionado con este ámbito.
En total presentáronse 16 candidaturas para albergar esta axencia española, cuxa localización se produce a proposta da Comisión Consultiva para a determinación das sedes do sector público estatal, que adoptou este acordo por unanimidade e tras valorar as candidaturas nun proceso "obxectivo e técnico", afirmou Rodríguez.
Entre outras calidades, tívose en conta que esta localización pode xerar un maior impulso á Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, favorecendo unha maior e mellor cooperación transfronteiriza, permitindo a creación dun polo de atracción de talento nesta materia, segundo informa o Goberno nunha nota de prensa.
A isto engádese que Galicia podería actuar como territorio no que despregar proxectos previstos no Proxecto Estratéxico (Perte) da “Nova economía da lingua” co que se potencia o español e as linguas cooficiais como factores de crecemento e competitividade a través dun ecosistema de innovación e intelixencia artificial.
As universidades da Coruña e Santiago de Compostela xa contan con grupos de investigación no campo do procesamento da linguaxe natural, que engarzan coa iniciativa do PERTE, segundo a nota.