Confusión coa lotaría de Nadal nun salón de peiteado de Combarro
Confusión coa lotaría de Nadal nun salón de peiteado de Combarro
A resaca da lotaría do Nadal rematou con máis enfado que ledicia
O seu número saíu premiado na pedrea, pero un suposto erro á hora de cantalo quitoulle a ilusión e tamén os cartos a medida que pasaban ás horas
Vendeuse nun salón de peiteado de Combarro. Cantouse durante o sorteo do Nadal como premiado. Foi entón, cando comezaron a soar os teléfonos deste establecemento.
"A xente chamando por teléfono conforme o número estaba premiado coa pedrea. 100 euros ao décimo e venderonse 250 décimos neste salón de peiteado", conta a súa propietaria, Elena Rodríguez.
A ledicia ía en aumento cando os propios agraciados corroboraban os datos a través da prensa dixital. Pero a media tarde ese número deixou de estar premiado e non aparecía na páxina oficial de lotarías do Estado. Así o cualifica unha clienta e agraciada, Josefina Buceta.
"Que o canten e que despois non apareza é un pouco sen sentido".
Despois de chamar á administración da rúa Michelena de Pontevedra, confirmáronlle que todo se debeu a un erro. Que ese número non estaba ben cantado.
"Que a nena equivócase. Para min esa equivocación non existe. A min isto, non é raro é rarísimo. Ese número que está cantado ten que aparecer", engade Elena Rodríguez.
Ademais do tremendo enfado, por algo que aínda non entenden, os premiados, deberán presentar un escrito con toda a información na delegación de lotarías e apostas do Estado en Vigo. Queren unha contestación oficial e por escrito do que pasou.
Este número, o 57.170, vendeuse tamén na Coruña, algo en Vigo e sobre todo nunha administración de Sevilla. É o número deste salón de beleza dende hai 18 anos. Xa tocou unha vez máis na pedrea, hai dous anos, e daquela cobrouse sen tantos problemas.