Besteiro chama a militancia a "reactivar" o PSdeG e anuncia unha conferencia política
Besteiro chama a militancia a "reactivar" o PSdeG e anuncia unha conferencia política
A nova Executiva, que mantén a Carmela Silva como presidenta, sae elixida co 83,7 % dos votos emitidos
O exsenador Luis Ángel Lago convértese no número dous e abandonan a dirección Valetín Formoso e Lage Tuñas
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, chamou a militancia a "reactivar" o partido, que celebrará unha conferencia política no outono para debater o seu proxecto de cara ás vindeiras décadas.
Besteiro clausurou en Santiago o Congreso Extraordinario que rematou o proceso de relevo no partido e no que tamén interveu o ministro de Transportes, Óscar Puente.
O líder dos socialistas galegos comezou a súa intervención cunha mensaxe de ánimo ao presidente do Goberno e líder do PSOE, Pedro Sánchez, e díxolle que renderse non é unha solución.
Tras lembrar tamén o seu propio periplo xudicial, polo que permaneceu máis de sete anos apartado para que todo quedara arquivado, dixo que "fronte a esa política non se pode dar nin un paso atrás, nin á beira. Hai que dar un paso á fronte".
Nova executiva
Os socialistas galegos aprobaron unha nova executiva paritaria, liderada por José Ramón Gómez Besteiro, que acadou o 83,77 % dos votos emitidos, 377 de 450.
Como número dous, o exsenador lucense Luís Ángel Lago Lage convértese no novo secretario de Organización do PSdeG, que por primeira vez inclúe a figura de adxunta a esta secretaría, un cargo que ocupa a concelleira das Pontes Ana Pena Purriños.
Luís Ángel Lago Lage (1957), mestre licenciado en historia, entrou no 1988 na executiva do expresidente da Xunta Emilio Pérez Touriño e participou en diferentes direccións como responsable de política municipal, institucional e administración. Tamén foi concelleiro e deputado provincial.
A executiva mantén a viguesa Carmela Silva como presidenta do PSdeG e está conformada por un total de 40 persoas, 20 homes e 20 mulleres. O número de secretarías redúcese nun 31 % e renóvase nun 55 %.
Presenza por provincias na executiva
Por Lugo, ademais do propio secretario xeral e o responsable de organización, figuran Lara Méndez (Secretaría de Coordinación do Parlamento de Galicia), César Mogo (Coordinación coas Cortes Xerais), Luís Álvarez (Educación), Roberto Fernández Rico (Desenvolvemento Rural), Patricia Otero (Transportes e Mobilidade Sustentable), Gloria Prada (Comercio), Teresa Fernández Pérez (Políticas Forestais) e Marta Rouco (Políticas Forestais).
De Ourense están Ramón Alonso López (Reto Demográfico), Margarida Pizcueta (Lingua), Ignacio Gómez (Turismo e Patrimonio), Patricia Domínguez Barja (Emprendemento e Traballo Autónomo), María Fernández Follea (Función Pública e Xustiza), Margarita Martín (Políticas Sociais e Dependencia), e Celso Fernández López, que ocupa unha secretaría executiva.
Por Pontevedra, ademais da presidenta Carmela Silva, están os vigueses Abel Losada (Economía e Emprego) e Ángel Rivas (Estudos e Programas), Iria Sobrino (Urbanismo e Dereito a Vivenda), Javier Carballo (Dereitos LGTBI), Bárbara Domínguez González (Galeguidade e Emigración), Digna Rivas (Políticas de Seguridade e Emerxencias), Nicolás González Casares (Política Europea e Transformación Dixital), Julio Torrado (Política Cultural e Formación), Ivan Pontes (Análise e Perspectiva) e Mónica González Conde, que ocupa outra secretaría executiva.
Pola Coruña, ademais de Ana Pena como adxunta á secretaría de Organización, están Julio Abalde (Secretaría de Ciencia, Innovación e Universidade), José Miñones (Sanidade), Silvia Fraga (Igualdade), José Manuel Rodríguez García (Política Municipal), Ángel Mato (Transición Enerxética), José Ramón Romero (Mar e Recursos Mariños), Xoaquín Fernández Leiceaga (Facenda Pública e Autogoberno), Marta Álvarez Santullano (Relacións Institucionais), Noemí Díaz (Medio Ambiente, Sostibilidad e Emerxencia Climática), Nerieda Canosa (Deporte e Políticas Saudables) e Mercedes Noceda, que ocupa outra secretaría executiva.