Conseguen estabilizar o incendio que afecta o Xurés
Conseguen estabilizar o incendio que afecta o Xurés
A cifra estimada proporcionada pola Xunta esta mañá era de 560 hectáreas queimadas
Vento do norte e dificultades de acceso fan máis complicadas as tarefas de extinción, que desenvolven medios terrestres e aéreos
Durante as primeiras horas do día os avións e helicópteros aínda sobrevoaban a serra do Xurés descargando auga. Seguía habendo numerosos focos activos que pouco a pouco ían atallando. Logo contarían cun aliado imprevisto.
"A última hora axudounos unha treboada que sen descargar moita auga foi suficiente para apagar as chemineas que quedan dos troncos e das raíces", conta o alcalde de Lobeira, Antonio Iglesias.
O lume quedou estabilizado pasadas as cinco da tarde tras queimar 560 hectáreas do parque natural.
"Os danos ambientais son irreversibles, só cambiar o verde que había polo negro xa é por si importante", di o alcalde.
O amplo dispositivo de medios aéreos retirouse e as brigadas que traballan sobre o terreo cren que o incendio podería quedar controlado en pouco tempo.
O alcalde de Lobeira opina que puido ser intencionado por que comezou pola noite e nunha zona de barrancos de difícil acceso para os medios de extinción e moi favorable para crear un incendio tan virulento. Explica tamén que a serra ten moito carbón vexetal, carballos, toxos e xestas para axudar o lume a facerse forte.
"Cando arranca faino con toda a virulencia e o ser corgas incluso se forman correntes de aire que axudan a que o lume corra con velocidade", explica.