Publicador de contidos
Publicador de contidos

Mil galegos participarán nun estudo para detectar se son portadores de enfermidades hereditarias

Mil galegos participarán nun estudo para detectar se son portadores de enfermidades hereditarias

Constitúen os comités científicos e prepárase o 1º cribado do Proxecto Xenoma Galicia

G24.gal 26/01/2024 14:22

Coa constitución dos comités científicos, interno e externo, bota a andar hoxe o proxecto Xenoma Galicia. Persegue, en cinco anos, crear aquí un banco xenómico que só ten precedente snas 500.000 mostras do biobanco do Reino Unido.

"O obxectivo é facernos cos datos xenómicos de 400.000 galegos. É un proxecto a medio prazo, non se fai en pouco tempo. Está dotado con 20 millóns de euros nos orzamentos deste ano e o compromiso é botalo a andar. E hoxe é un día importante para ese lanzamento", lembrou Xulio García Comesaña, o conselleiro de Sanidade. 

Hoxe falouse das garantías éticas e organizativas. E dos primeiros pasos, cun primeiro cribado con mil mostras de varias enfermidades accionables, en concreto cancro de mama e ovario hereditario, síndrome de Lynch e hipercolesterolemia familiar.

Os 1.000 primeiros recibirán a invitación antes de xullo para tomarlles a mostra de saliva ou de sangue. Despois informaranos do resultado. Se son portadores dunha destas doenzas contarán con asesoramento médico e tratamento. 

Neste proxecto da Consellería de Sanidade, participan todas as áreas sanitarias. O doutor Carracedo, director da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica, destacou tamén o apoio dos grupos parlamentarios ao que cualificou coma un proxecto de país.

 "Vai propiciar que poidamos predicir o risco das enfermidades, vai favorecer que se poida facer medicina personalizada. É un proxecto de país e que temos que contar coa xenerosidade dos galegos que aínda que teñan un beneficio directo pensen que esta é unha contribución para a ciencia e a saúde no mundo. Estou moi ilusionado porque me parece un dos grandes proxectos a nivel mundial", declarou Ángel Carracedo, o director da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade