Publicador de contidos
Publicador de contidos

Nervios, preparativos e compras de última hora para a volta ao cole

Nervios, preparativos e compras de última hora para a volta ao cole

O profesorado pon a punto as aulas para recibir a rapazada

G24.gal 10/09/2024 14:47

Quedan poucas horas para que o balbordo dos rapaces regrese aos corredores deste colexio compostelán. Remataron as vacacións para eles e tamén para os seus profesores, que hoxe traballan contra o reloxo na posta a punto das aulas.

"O mesmo que os nenos, tamen nos toca adaptarnos e volver empezar. Estamos ansiosos e contentos, agardando ver novas caras", di Mary Martínez Rojas, profesora do CEIP Raíña Fabiola.

As reunións sucédense nesta xornada en que hai que axustar os horarios, os usos dos espazos e organizar unha gran familia de 227 alumnos.

"Levamos días sen parar, organizando horarios, encaixando aulas e con moito traballo burocrático para que mañá sexa un día completamente dedicado a eles,  para dar unha boa benvida do alumnado", explica Emilia Guerra Fernández, directora do CEIP Raíña Fabiola.

Traballo arreo atopamos hoxe tamén nas escolas de idiomas, de baile ou de música, onde toca xa afinar a sinfonía de outono. 

"Sempre son datas moi movidas as de comezo do curso porque temos actividades novas que programar, estamos ao tope", comenta Charo Vázquez, da escola de música Casa do Rock.

Onde tampouco se para é nas papelerías. Hoxe é un dos días de máis vendas do ano. A maioría xa mercou os libros, pero quedan os lapis, as gomas, as cores, as axendas... 

"E mañá e pasado haberá máis vendas aínda, porque hai moitos colexios que non pasaron aínda a listaxe de material que piden", engade Santiago Mayo, da Libraría Mayso.

"É o que nos falta, todo o demáis xa o temos preparado para mañá", di unha nai.

"Comprei un estoxo e unha mochila para a escola", di Julia, unha nena que pasa a segundo de primaria.

Unha mochila e un estoxo que Julia levará cargadiños de ilusión para o novo curso, e uns poucos nervios tamén porque isto de aprender é sempre unha aventura emocionante, para eles e para os seus mestres.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade