Publicador de contidos
Publicador de contidos

A gandería extensiva ten xa o seu propio selo

A gandería extensiva ten xa o seu propio selo

Presentouse no primeiro congreso estatal do sector, que se celebra en Galicia

Territorios Pastoreados acolle ata o sábado en Lugo uns 200 asistentes

Félix Aragunde 18/09/2024 20:01

Coa presentación do proxecto europeo ShepForBio, dedicado á conservación dos hábitats de pradería en diversos países, deu comezo en Lugo a sétima edición, a primeira en Galicia, de Territorios Pastoreados.

Trátase do congreso de referencia, no ámbito estatal, sobre gandería extensiva e pastoreo, unhas actividades con importantes beneficios para a economía rural e a biodiversidade.

Isabel Gómez, presidenta da Sociedade Galega de Pastos e Forraxes: "Este sistema produtivo existiu sempre en Galiza e foise perdendo. É importante poñela en valor polos seus produtos de calidade e polo seu papel a prol da conservación do medio".

Eloi Villada, vogal da Sociedade Galega de Pastos e Forraxes: "A recuperación de terreos para pastos ten como resultado a redución do número de incendios e a protección de áreas arboradas, ademais de axudar a manter a poboación no rural".

Organizado pola Sociedade Galega de Pastos e Forraxes e pola Fundación Entretantos, e impulsado pola deputación lucense, o congreso conta con máis de 30 relatores e uns 200 asistentes.

Entre eles, figuran gandeiros e outros profesionais, que debaterán sobre o futuro dun sector, o da gandería extensiva, que loce xa a súa propia certificación.

Pati Jiménez, enxeñeira agrónoma da Fundación Entretantos: "O proceso de certificación engádelle valor e permite identificar a gandería extensiva, que se certifica conforme a un proxecto participativo a través da contribución de técnicos e de profesionais do sector".

María Turiño, enxeñeira forestal da Fundación Entretantos: "Unindo visión doutras partes de Europa e mesmo do mundo, podemos intentar facernos fortes e alzar a voz da gandería extensiva".

Dentro do congreso, que se desenvolverá ata o vindeiro sábado, celebrarase ademais a IX Reunión de Outono da Sociedade Galega de Pastos e Forraxes.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade