Conta atrás para o Entroido nas vilas do triángulo máxico ourensán
Conta atrás para o Entroido nas vilas do triángulo máxico ourensán
En Xinzo de Limia comezan co seu ciclo festivo, o máis longo da peninsula, o vindeiro día 20 co Petardazo e o Domingo Fareleiro
A maioría da xente xa ten escollidos os disfraces e reservado para a súa confección
A costureira Rosi vai confeccionar no seu taller uns 500 disfraces
E rematadas as festas do Nadal, toca xa pensar na vindeira festa: o Entroido. Nas vilas do triángulo máxico ourensán comezan a conta atrás para os eventos máis multitudinarios do ano. Os hoteis xa teñen as reservas completas para os días grandes. E en Xinzo de Limia apuran todos os preparativos porque comezan xa co seu ciclo do Entroido, o máis longo da península, en 11 días.
Coa árbore de Nadal aínda sen retirar, quedan once días, seis horas, oito minutos e 25 segundos... agora algo menos xa, para que comece o Entroido de Xinzo de Limia. E nos hoteis da vila non hai cuartos libres.
"Desde que empeza o Entroido co Fareleiro, todas as fins de semana están ocupadas", asegura Marian Salón, do Hotel Restaurante Orly.
Este Entroido é un dos máis madrugadores dos últimos anos e aquí empezan xa o día 20 deste mes co Petardazo e logo seguen os domingos do Fareleiro, o Oleiro, o Corredoiro...
"Está todo preparado, o programa presentarémolo a semana que vén e aquí a xente sempre ten ganas de Entroido", di Adriana Jiménez, presidenta da Comisión do Entroido de Xinzo de Limia.
Queda pouco tempo e as costureiras non paran de vender teas e andan apurando os traballos reservados desde hai meses.
A estas alturas case todo o mundo ten pensado e encargado o seu disfrace, nesta tenda de teas van confeccionar este ano uns 500 disfraces.
"Hai que quentar os motores, que estamos aí xa. Veña antes, veña despois, gozámolo igual, aínda que sexa con chuvia ou con neve", afirma unha veciña de Xinzo.
"A tope, en setembro xa empezamos a dar cita, en outubro pechamos a axenda e agora xa estamos neles, que xa só nos falta unha semana", explica a costureira Rosi Fernández.
Pouco máis dunha semana de preparativos logo dun ano de espera para gozar de novo das máscaras, as cores e a emoción do Entroido.