Publicador de contidos

Publicador de contidos

Continúa a busca de Óscar García, desaparecido en Teo o mércores

Continúa a busca de Óscar García, desaparecido en Teo o mércores

Deixou na casa as chaves, a carteira, o teléfono e as lentes

A familia cre que non marchou por vontade propia e pide a colaboración cidadá para atopalo

G24.gal 31/03/2023 14:19

Terceiro día sen noticias de Óscar García Lema. Na contorna da súa casa de Cepeda, en Teo, grupos de voluntarios coordinados pola Garda Civil do Milladoiro exploran os montes e os camiños na procura dalgunha pista. Óscar, de 62 anos e complexión forte, desapareceu no mediodía do mércores.

"Estaba listo para saír da casa. Quedaramos para comer con el en Santiago e non chegou. Algo se truncou en cuestión de media hora. Despois xa me chamaron que non o daban atopado pola finca", explica a súa muller, Nuria Pereira Martínez.

A familia cre que Óscar non marchou por vontade propia. Deixou na casa as chaves, a carteira coa documentación, o teléfono móbil e as lentes.

"Non se foi por vontade propia, iso está clarísimo. Algo lle pasou, desorientouse ao mellor, pero é un home san e deportista, toda a vida fixo deporte", comenta Nuria.

Piden a colaboración cidadá para dar con Óscar. A busca polo perímetro máis próximo á casa, preto da urbanización Os Verxeis, non deu resultados polo momento. Por iso queren ampliar o radio e darlle máxima difusión á súa imaxe.

"Se pasean aquí ou noutra zona como Ames ou A Lavacolla, que por favor miren ben. E se teñen cans e eles notan algo, que nos chamen", pide a muller do desaparecido.

Esta tarde unha nova batida de voluntarios e cans seguirá peiteando a zona. Óscar, docente do Instituto Europeo Campus Stellae, mide 1,82, pesa 85 quilos e vestía de escuro cando desapareceu.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade