Os dous feridos graves no accidente laboral do Monte do Gozo están estables
Os dous feridos graves no accidente laboral do Monte do Gozo están estables
Os outros catro traballadores feridos, de carácter leve, xa recibiron a alta
O Son do Camiño celebrarase nas datas previstas segundo a organización
Os dous feridos graves ao caer parte do escenario principal do festival de música O Son do Camiño, en Santiago, atópanse nunha "situación estable".
Segundo o último parte médico facilitado por Santiago Villanueva, director xeral de Emerxencias de Galicia, permanecen estables no hospital Clínico a onde foron trasladados tras o accidente.
Preocupa sobre todo o estado dun deles que presenta un traumatismo canioencefálico con prognóstico complexo, polo que continúa ingresado na UCI. O outro xa está en planta. Os catro traballadores que ingresaron con feridas leves xa recibiron a alta.
Investigación aberta
Nestes momentos está en marcha unha investigación para aclarar as causas do accidente. Dúas inspectoras, unha do Ministerio de Traballo e outra do Instituto Galego de Seguridade, son as encargadas de examinar a zona, que está acordoada desde o mediodía deste venres.
Tamén se lles tomará declaración aos traballadores que estaban no lugar no momento do accidente. Trátase de saber por que se derrubou a estrutura do escenario, que estaba nunha primeira fase de montaxe.
Segundo algunhas testemuñas, o colapso produciuse cando se estaba a levantar unha das torres, e din tamén que había bastante vento.
O accidente
O accidente ocorreu pasadas as doce do mediodía. Uns vinte operarios estaban traballando no auditorio do Monte do Gozo no momento do derrubamento.
Seis deles quedaron atrapados entre a ferralla ao caer unha das torres do megaescenario, que estaba na fase inicial da montaxe. Catro lograron saír polo seu propio pé, pero os outros dous traballadores tiveron que ser rescatados. Son os que teñen o prognóstico máis grave.
Un helicóptero medicalizado desprazouse de inmediato ata o punto do accidente. Tamén se mobilizaron varias ambulancias que trasladaron os feridos ao hospital universitario de Santiago.
Megaestrutura
O escenario que se derrubou é o máis grande dos tres previstos para O Son do Camiño, que se celebra a vindeira semana. Trátase dunha megaestrutura de 20 metros de alto, 36 de ancho e 21 de fondo, similar a un edificio de oito pisos.
O sindicato Comisións Obreiras anunciou que lle vai pedir á autoridade laboral que se revisen as condicións en que se desenvolven os traballos de montaxe do festival.