Publicador de contidos
Publicador de contidos

Continuará a sangría de autónomos?, por Maite Cancelo

Continuará a sangría de autónomos?, por Maite Cancelo

En marzo, malia haber 11.185 persoas autónomas máis que en febreiro, son 1.300 menos que no mesmo mes do ano anterior

As causas son a escalada de custos das materias primas e os carburantes, a elevada inflación, os aumentos nos alugueiros e nas cotizacións e os impostos

G24.gal 11/04/2023 07:47

Os resultados do novo barómetro de ATA sobre a situación dos autónomos en España non fan máis que apoiar os datos que fomos coñecendo xa, ao longo do ano 2022, cando se perderon, en termos netos, un 112.000, ata situarse en pouco máis de 3,3 millóns, segundo os informes da propia Federación.

No que levamos de ano, os datos non son mellores xa que en marzo, último mes coñecido, a pesar de haber 11.185 persoas autónomas máis que en febreiro, son 1.300 menos que no mesmo mes do ano anterior, sendo esta cifra inferior á media do aumento na última década, con relación ao mes de marzo, mes no que aumenta a contratación estacional dada a proximidade da semana santa (lembremos que o 32 % dos autónomos traballan nos sectores de comercio e hostalería).

Xa entrando no informe, segundo os resultados do barómetro, o 80 % dos autónomos ten máis actividade, pero factura igual ou menos que no ano pasado. Con relación ás previsións para este ano, o 57,5 % dos enquisados afirman que a súa actividade crecerá ou se manterá igual pero o 32 % cre que descenderá e máis do 70 % cren que a tendencia económica, en xeral, vai ser negativa ou moi negativa.

As causas, apuntadas pola federación, coas que coincidimos, son: a escalada de custos das materias primas e os carburantes, a elevada inflación, os aumentos nos alugueiros e nas cotizacións e os impostos. A isto hai que engadir a elevada morosidade a que están sometidos estes emprendedores.

Con relación ao aumento de custos, o 85 % dos autónomos afirman que se incrementaron con relación ao ano anterior e que o 68 % tiveron que trasladar eses aumentos a prezos dado o insostible da situación económica. Os autónomos tamén alertan, neste caso o 65,5 %, de que de manterse esta situación se verían novamente abocados a subir os prezos.

Incrementos de custos: o 39 % sinalan que tiveron elevacións de entre un 10 e un 20 %, pero o 27 % sufriron aumentos que chegan ata o 30 %. Con todo, a facturación resentiuse para o 38 % (con diminucións entre o 10 e o 20 %) e outro 38 % declaran a mesma facturación que no ano anterior.

Por tanto, estamos ante incrementos de gastos por enriba dos seus ingresos, sendo este un dos factores que están a poñer en risco a continuidade de moitos autónomos, que seguen descendendo ou crecendo de forma máis moderada, como xa sinalamos anteriormente.

E iso tamén se traduce en termos de emprego, xa que a pesar de que o 38 % dos autónomos con traballadores ao seu cargo mantivo o seu persoal, o 11 % tívoo que reducir e só o 4 % considera que contratará novos traballadores este ano.

Para finalizar, a nova reforma das pensións do Ministro Escrivá tampouco é percibida de forma positiva por este colectivo, xa que só o 8 % se mostra favorable, considerándoa necesaria e que poderían asumir as novas cargas que implica, mentres que o 29 % considera que non poderá asumilas.

Desta forma, o 48 % cre que este novo sistema de pensións empeorará a súa competitividade, o que unido á incerteza do marco económico xeral apunta a que a sangría de autónomos podería continuar ao longo deste ano.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade