Controlado o incendio nun viveiro en pleno centro urbano de Sabarís, en Baiona
Controlado o incendio nun viveiro en pleno centro urbano de Sabarís, en Baiona
Os bombeiros tiveron que traballar arreo con equipos autónomos pola nube de cloro que se orixinou
Xuntáronse moitos curiosos de feira en Sabarís, ás portas do viveiro que ardeu onte. Foi pasadas as sete da tarde, e a rápida intervención dos bombeiros e a falta de vento fixeron que as lapas non prendesen nas casas veciñas.
O veciño da urbanización próxima que avisou aos bombeiros relata que foi todo moi rápido e salienta a áxil actuación dos bombeiros, mentres os veciños tentaban refrixerar a zona para evitar que as lapas se espallasen.
A acumulación no viveiro de madeira, plástico, combustible e fertilizantes orixinou numerosas explosións que alertaron os veciños. A gran columna de fume era visible en todo o Val Miñor.
Unha veciña lembra como foi todo de rápido e o grande estrondo das explosións que se escoitaban, e tres amigas salientan a columna de fume que podía verse dende a afastada praia de Baiona
Os bombeiros tiveron que traballar arreo con equipos autónomos pola nube de cloro que se orixinou no interior da nave, onde tamén había animais. Hai anos que exhibían un pitón de varios metros que puido ser trasladado ao zoo da Madroa.
Conmoción polo incendio, pero tamén polos propietarios deste centro de xardinería, moi queridos na zona.
Durante toda a noite quedou un retén de bombeiros na nave, que tivo que sufocar un conato de reactivación do incendio.