Publicador de contidos
Publicador de contidos

Alfombras florais de Ares: corenta anos de tradición que precisa da remuda xeracional

Alfombras florais de Ares: corenta anos de tradición que precisa da remuda xeracional

Esta fin de semana volven as alfombras nunha versión máis reducida por falta de xente para preparalas

Detrás da confección das alfombras hai un traballo moi minucioso que comeza un mes antes

 

G24.gal 17/06/2022 14:45

Esta fin de semana celébrase o Corpus en moitas localidades de Galicia, e Ares é unha delas. Recuperan as alfombras florais despois de dous anos sen poder celebrar a festividade. Xa son corenta anos de tradición que sen a colaboración dos veciños non sería posible facer. "É moito traballo".

As alfombras florais, tan efémeras como laboriosas, levan detrás un traballo moi minucioso que comeza un mes antes. "É moito traballo porque a xente que vai ao campo e van na busca das flores que fan faia como os pampillos, margaritas, os cucos dos eucaliptos... que se van collendo poro campo, e iso é moi laborioso", explica Elena, veciña de Ares que colabora na confección das alfombras. 

Hortensias, caraveis, serraduras pintadas, area e, como non, o verde. Hai que recoller e picar. Moitas horas de traballo polas tardes, pero no que hai tempo para a diversión, "aínda que traballamos sempre hai cousas chistosas e anécdotas", di rindo Elena. "Os maiores son os que tiran un pouco".

130 caixas de verde e máis de 3.000 caraveis, entre outras flores, para cubrir as rúas de Ares coas alfombras, este ano máis reducidas, e que esta mañá estaban a marcar o deseño, outra parte a que se lle dedica moitas horas. 

Este ano o deseño da alfombra está inspirado no ano Xacobeo, de aí que se poida ver "vidreiras da catedral, a mesma catedral de Santiago na porta da igrexa, un peregrino e despois unha zona infantil", indica Valentín Muíños, da Asociación de alfombras florais de Ares e lamenta que este ano a participación sexa moito menos que en anos anteriores.

"Pouco a pouco parece que esta tradición remate por desaparecer se non se anima a xente, sobre todo os da miña idade", di Laura Martínez, "os maiores son os que tiran un pouco pois durante un mes recollen, pican...".

Mañá pola tarde comezarán a cubrir o que serán xa corenta anos de historia e tradición. Volven as alfombras florais a Ares polo Corpus para encher de arte e cor esta festa.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar