Unhas 40.000 persoas visitaron o Belén de Valga nos últimos doce meses
Unhas 40.000 persoas visitaron o Belén de Valga nos últimos doce meses
O nacemento en movemento máis grande de Galicia abriu este domingo ata o 14 de xaneiro
Se hai unha tradición de Nadal que poida competir coas iluminacións ou os mercados esa é a dos beléns. Pero unha cousa é manter o costume e outra conservar o poder de atracción.
O belén de Valga lógrao coa incorporación cada ano de novas escenas da actualidade galega e estatal, xunto ás relixiosas.
Leva 24 horas aberto e xa comezan a chegar autobuses para velo. É o máis grande de Galicia dos que teñen movemento. Desta volta, os turistas proveñen de Astorga e Tordesillas, vilas castelás con longa tradición de beléns. Porén, din que nunca viran cousa igual.
Un dos maiores atractivos deste belén son as novidades da actualidade do ano. Este, conviven cos oficios tradicionais e o presebe, a infanta Leonor, as campioas de fútbol, Tamara Falcó, as protestas da lei de amnistía e os satélites de Elon Musk. Todo o fan artesanalmente os 30 membros da asociación aos que pouco a pouco se van incorporando os máis novos, como nos conta Sito Barros, membro da asociación Amigos do Belén de Valga.
"As novas xeracións vanse incorporando moi lentamente, pouco a pouco imos recuperando alguén, si. Porén, para velo notamos moita xuventude que antes non había".
Con horario de tarde e de fin de semana, o belén funciona tamén con cita previa para particulares, colexios e excursións desde que abre en decembro ata que o desmontan en outubro. Corenta mil visitantes tivo nos últimos doce meses e as reservas son continuas, para fachenda da asociación.
"Ata o mes de outubro que o desmontamos están chamando continuamente para reservar, aínda mesmo en novembro chamaron, pero como o tiñamos desfeito foi imposible, claro. O noso sentimento é a fachenda de que veña tanta xente a visitalo".
Todo este movemento de turismo de beléns que chegan de toda Galicia e do resto de España repercute na economía local, como aseguran nos negocios da contorna como o Bar Couceiro e o Hotel Corona de Galicia.
Aberto ata o 14 de xaneiro, o belén de Valga acollerá este domingo unha tómbola solidaria para recadar cartos para a Fundación Ángel Carracedo de Santiago.