Dous feridos graves e seis vehículos implicados nun accidente en Montesalgueiro
Dous feridos graves e seis vehículos implicados nun accidente en Montesalgueiro
O accidente ocorreu sobre as 06:50 e tiveron que excarcerar unha persoa
O accidente tivo lugar sobre as 6:50 da mañá deste xoves na autovía A-6, no punto quilométrico 551 en sentido Lugo. Foi un particular o que alertou o 112. No sinistro víronse implicados dous camións que circulaban en dirección Madrid. Un deles mesmo perdeu a carga que transportaba, lévedo de cervexa.
O condutor non se deu conta ata que chegou a Guitiriz. Os peor parados foron os catro coches que non puideron frear a tempo e bateron contra un camión que atrancaba totalmente os carrís da autovía. Algún condutor puido esquivar o remolque pero acabou batendo contra o noiro.
No sinistro quedaron feridas sete persoas e unha tivo que ser liberada polos Bombeiros de Betanzos. Os feridos foron trasladados ao Hospital Universitario da Coruña e ao Hospital San Rafael.
"Era de noite, había bastante néboa e atopámonos con isto que é moi esvaradío. Había unha plataforma atravesada e comezaron a chegar coches a nada máis pisalo perdían o control e chocaron contra o camión contra o noiro. Eu cando cheguei xa vin as luces e fun freando e tiven a sorte de non bater", afirma o condutor do camión.
O tráfico estivo cortado totalmente máis de tres hora a altura de Montesalgueiro en dirección a Madrid e desviouse pola saída de Coirós pola vella estrada nacional. Os bombeiros de Betanzos tardaron horas en limpar o carril da autovía. A esvaradía carga estaba esparexida ao longo de nove quilómetros.
"Estamos limpando a estrada con auga a presión, para habilitar o carril e o paso de vehículos. Este lévedo de cervexa é moi pastoso, moi xelatinoso e quédannos uns cantos quilómetros. Estamos mobilizados unha dotación do parque de Betanzos e o GES de Curtis e están de camiño os bombeiros de Arzúa para axudarnos porque temos que limpar ata o quilómetro 549 para que quede totalmente a vía asegurada", afirma Eduardo Lourido, xefe da dotación de bombeiros de Betanzos.
A Garda Civil investiga as causas da perda da carga que ocasionou o accidente.