Cortan o tráfico de madrugada na A-6 en Aranga por mor dun camión que perdeu a carga
Cortan o tráfico de madrugada na A-6 en Aranga por mor dun camión que perdeu a carga
A pesar dos trastornos para o tráfico, o suceso non causou feridos
Un camión de mercadorías que perdeu a carga na A-6 á altura de Aranga, obrigou a cortar a circulación na autovía esta madrugada, á altura do quilómetro 549. Aínda que non houbo feridos, os restos quedaron esparexidos sobre a vía e houbo interromper a circulación.
Segundo informa o 112, unha chamada de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 contra as 4:00 horas advertía do suceso. Un particular avisaba de que o camión dera varios bandazos que acabaron por provocar a caída de parte da mercadoría. Parecían ser materiais de taller, entre eles algúns fluídos que facían perigoso continuar a marcha.
Os servizos sanitarios, por precaución, enviaron unha ambulancia en previsión de que puidese haber algunha persoa ferida, o que finalmente non foi necesario.
Os servizos de emerxencias cortaron a circulación nese punto, entre os quilómetros 551 e 549 en sentido A Coruña. A circulación desviouse pola N-VI.
Unha vez alí, os efectivos do GES de Curtis advertiron que serían necesarios máis medios para despexar a vía, posto que as mercadorías, caixas de material de limpeza e de taller, afectaban a un tramo duns cen metros de autovía.
Os traballos prolongáronse durante toda a madrugada, e boa parte da mañá, cando se restableceu a circulación, aínda que con cortes intermitentes.