Cortizo, anfitrioa da Volta Ciclista a España
Cortizo, anfitrioa da Volta Ciclista a España
É a primeira vez que unha empresa patrocina a saída e a meta dunha etapa e dous pasos de pelotón
Nunca antes na historia da Volta Ciclista a España unha empresa fora escenario da saída, da meta e de dúas pasadas do pelotón. Cortizo, a multinacional de Padrón, conseguiuno e vaino celebrar cunha macrofesta.
"É un evento único na historia e nós puxemos moito acento en que tiñamos que ter un extra sobre etapa en liña, porque queremos que se goce do ciclismo durante as 4 ou 5 horas que vai durar o evento", apunta Daniel Lanz, director xeral de Arquitectura de Cortizo.
A festa, con máis de 7.500 convidados, será este mércores durante a undécima etapa da volta.
"Esta festa organizada ao abeiro da Volta Ciclista a España vai transcender ao simplemente deportivo. Vai ser tamén unha homenaxe ao máis importante que ten esta empresa, que son os seus traballadores e clientes. Entre os máis de 7.500 convidados estarán tamén os seus familiares, amigos e veciños de toda a comarca do Sar, onde Cortizo ten as súas instalacións centrais e o seu novo campus tecnolóxico que se vai inaugurar en setembro", explica a xornalista Xulia Piñeiro.
E este vai ser o mellor escaparate para dalo a coñecer en todo o mundo porque a emisión en directo da etapa vai chegar a 190 países. Cortizo habilitou 45.000 metros cadrados para esta festa.
"Este vai ser un evento ao redor do ciclismo que poderá ser seguido a través de 5 pantallas xigantes, temos área de streetfood con 15 foodtrucks, para os máis pequenos da casa teremos unha área infantil. Teremos xente chegada de América, do Reino Unido, de Francia, Irlanda, Bélxica. Non é frecuente poder ter un evento como a Volta a España nunha empresa e poder facelo na medida en que nós intentamos facelo, pois seguro que lle vai dar especial satisfacción, non só a nós, senón tamén a toda a xente que estea presente aquí o mércores", conta Alberto Freire, responsable de Relacións Institucionais de Cortizo.