Publicador de contidos
Publicador de contidos

Cospedal, a Villarejo no ano 2013: "O caderniño de Bárcenas... sería mellor podelo parar"

Cospedal, a Villarejo no ano 2013: "O caderniño de Bárcenas... sería mellor podelo parar"

El País publica un fragmento dunha conversa de 2013 en que a secretaria xeral do PP entre 2008 e 2018 lle pide ao comisario frear a publicación dos coñecedidos como papeis de Bárcenas

G24.gal 16/05/2022 14:56

A secretaria xeral do Partido Popular entre 2008 e 2018, María Dolores de Cospedal, pediu en xaneiro de 2013 axuda ao comisario José Manuel Villarejo, agora xubilado, para frear a publicación dos papeis coñecidos como os papeis de Bárcenas, os documentos que evidenciaban a existencia dunha caixa b no partido.

Así o revela o xornal El País, que publicou un audio dunha conversa entre Cospedal e Villarejo que se produciu o 20 de xaneiro de 2013, dous días despois de que o xornal El Mundo publicara unha información sobre o presunto pagamento de sobresoldos en negro a unha parte da cúpula do PP.

Na conversa, gravada por Villarejo e requisada na súa vivenda por orde xudicial dentro da operación Tándem,  Cospedal expresa a súa preocupación porque os papeis, aos que denomina "de  Bárcenas", estivesen en poder de xornalistas, e cuestionaba se estes tiñan unha lista dos supostos beneficiarios dos sobresoldos. "O caderniño... sería mellor podelo parar", pide  Cospedal a Villarejo, que tenta tranquilizala e dille que non se preocupe, que vai estar "ao tanto" do tema.  

Nos audios, Villarejo descualifica a Bárcenas mentres Cospedal aseguraría que non se deberían publicar as fotocopias dun caderno dun desvengonzado, en alusión a Bárcenas.

No diálogo, Villarejo expresa tamén a Cospedal que teñen que "anticiparse á xogada", no que ela está de acordo e di: "É o máis importante". "(Hai que) ver por onde van respirar e que van facer (os xornalistas) e cal é a evolución de todas estas cousas, e tratar de anticiparnos un pouco á xogada", subliña Villarejo.  

Así mesmo, sinala que estivo "a comerlle o tarro" aos xornalistas, e menciona a Eduardo Inda e Esteban Urreiztieta. "O día de onte estiven a comerlle o tarro (...) a todos de que non sacasen. Porque querían sacar ao principio unha lista das que eles dicían que había, unha lista en que estaba o presi", advirte. "Ti sacas unha lista así, e ao día seguinte teñen unha querela, eh?", contesta  Cospedal.  

Finalmente, o 31 de xaneiro de 2013 publicaríase en El País os papeis manuscritos de Luís Bárcenas, entón tesoureiro do PP, que rexistrou durante case 20 anos unha contabilidade paralela entre 1990 e 2019 coas cantidades periódicas que supostamente membros da cúpula do PP recibiron como  sobresoldos.  

Cospedal e Villarejo volven falar o 26 de abril de 2013 cando a policía empeza a elaborar informes sobre os documentos. Ambos debaten sobre as fontes que informarían a El Mundo sobre os sobresoldos.

Ambos falan sobre os informes que saen do Ministerio do Interior cara á Audiencia Nacional que investiga o caso e de dificultades que existen para lograr cambiar os parágrafos que máis afectan ao PP, segundo os audios, e indagaba na caixa  B do PP.   

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade