Publicador de contidos
Publicador de contidos

Covadonga Salgado: "Os macroplásticos son moito máis perigosos que os granulados"

Covadonga Salgado: "Os macroplásticos son moito máis perigosos que os granulados"

A directora do Intecmar e membro do comité de expertos asegura que a vertedura do Toconao é inocua para o consumidor

Explica que só chegou ás costas galegas unha parte da carga, e moita xa se limpou

Advirte de que cada ano se verten máis de 150.000 toneladas de plásticos ao medio ambiente

G24.gal 22/01/2024 09:49 Última actualización 22/01/2024 10:14

A directora do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño (Intecmar), Covadonga Salgado, cre que a carga de granulados de plástico perdida polo Toconao en decembro non supón un perigo, nin chegou toda ás nosas costas.

Salgado, que é integrante do comité científico que asesora a Xunta sobre o caso dos granulados, lembrou, nunha entrevista no Galicia por diante da Radio Galega, que o cargueiro levaba 26 toneladas "dun produto que é materia prima da industria para a fabricación de plásticos". E que, como indicaba a información técnica que subministrou a navieira e corroboraron varios estudos científicos efectuados por organismos das universidades galegas, "é maioritariamente polietileno e ten un 10 % de aditivo estabilizador da luz ultravioleta", pero non inclúe moitos outros aditivos que se engaden despois.

Di Salgado que a carga "non impactou toda nas nosas costas". "Moita limpouse e moita está indo cara ao norte". De feito, as correntes típicas nestas datas están a levar os granulados restantes cara ao Cantábrico.

A directora do Intecmar fai un chamamento á calma e di que "hai que ponderar na súa xusta medida" esta situación, tendo en conta ademais que "26 toneladas, que non todas chegaron ás nosas costas" supoñen unha parte moi pequena xa que "cada ano se estima que arredor de 150.000 toneladas [de plásticos] se perden no medio ambiente".

Considera Salgado que Galicia xa puido esquivar o peor da vertedura. As simulacións publicadas na web do Intecmar "fanse de xeito case diario e xa o están levando cara ao Cantábrico e ao norte". Nesa mesma web asegura que "na semana do 8 de xaneiro xa se publicou a información técnica que subministraba a navieira" e ademais, di, fixéronse análises en ata tres laboratorios diferentes "que concordan coa información do fabricante".

Tamén as mostras que se tomaron en praias como a da Lanzada, en Ribeira ou en Muros "concordan tamén con ese perfil, moi característico" e que tamén confirma que os granulados proceden da carga do Toconao.

A integrante do comité científico advirte do problema que supoñen os microplásticos no ambiente. Di que na Unión Europea se manipularon 57 millóns de toneladas de granulados no ano 2021, e que "un terzo do que aparece no medio natural son perdas do proceso de fabricación e transporte".

Lembra que hai "microplásticos na auga de bebida, na cervexa e loxicamente tamén nas praias". Envíalles unha mensaxe importante ás patrullas de limpeza, que "están a retirar tamén os macroplásticos, que son moito máis perigosos, porque van acabar sendo microplásticos, pero van liberar os aditivos perigosos da súa fabricación posterior". Por iso, considera que é moito máis importante retirar os macroplásticos.

Agradeceu as persoas que están a formar parte do comité de expertos, que é un órgano contemplado no Camgal. "Dende o día 8 fíxose unha historia ata o momento actual", e salienta Covadonga Salgado que "toda a información está na web" do Intecmar.

O obxectivo do comité, que volverá reunirse o 19 de febreiro, é "proporcionar criterios e recomendacións dun programa de seguimento do impacto da vertedura, identificando efectos potenciais". Sinala que a curto prazo "non se prevén, pero si a medio e longo podería, en diferentes organismos e hábitats".

Sobre a perigosidade dos granulados para a fauna, di Salgado que "en canto aos peixes, o propio comité establecía non necesario o seguimento", porque non os consumen. En canto aos bivalvos, "os pellets flotan", así que especies como o mexillón "non van inxerilos". No caso de marisco que vive na zona intermareal, tampouco está afectado.

Os que si poderían consumir os granulados "teñen os seu propio mecanismo excretor para eliminalos" e sinala que "é material inerte, non reacciona nin ten composición tóxica, nin supón risco para o consumidor".

A seguridade alimentaria, di, está "totalmente garantida". Lembra, ademais, que un dos labores do Intecmar "é a seguridade alimentaria", especialmente dos moluscos, en casos de biotoxinas ou contaminación. "Se non se permite o consumo con seguridade, as zonas péchanse. En Galicia está vinculado coas toxinas mariñas, que non son contaminación, son un fenómeno natural", conclúe.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade