Cristina Ruíz Bujedo: "Bildu soubo sintonizar con temas que preocupan aos cidadáns e á xente moza"
Cristina Ruíz Bujedo: "Bildu soubo sintonizar con temas que preocupan aos cidadáns e á xente moza"
A politóloga e socióloga da Universidade Pública de Navarra apunta que o terrorismo preocupa, pero non é unha cuestión candente como antes
A politóloga e socióloga da Universidade Pública de Navarra, Cristina Ruíz Bujedo, apunta que os resultados das eleccións en Euskadi confirman unha tendencia que leva tempo asentándose en Euskadi.
Nunha entrevista no Galicia por diante da Radio Galega, asegura que "o PNV vai perdendo apoio entre os cidadáns en favor da abstención e dun EH Bildu que vai gañando votos nos territorios, entre a xente moza e entre os novos votantes".
Destaca Ruíz Bujedo que "a sociedade vasca cambiou" e pon en valor que foi unha campaña "con propostas, na que houbo moderación, respecto e normalidade".
Ruíz Bujedo destaca que son diversos os factores detrás dos resultados históricos de EH Bildu. Considera que "souberon interpretar de xeito axeitado as claves novas dunha sociedade vasca destes tempos e iso levounos a sintonizar con moitos temas, de carácter social, que preocupan aos cidadáns, á xente moza". Ademais pon en valor a renovación que houbo no partido.
Outra das razóns que salienta é que a sociedade vasca viu como EH Bildu se converteu nun partido máis útil e apunta que "algo que antes monopolizaba o PNV, que era a súa interlocución cos gobernos de Madrid e coa política nacional, nesta lexislatura veuse que Bildu pode exercelo tamén".
Alén diso, destaca o "clima social e a normalización de Euskadi. Por sorte, deixamos atrás o terrorismo e tempos horribles".
Entende que a EH Bildu aínda ten pasos que dar como o de recoñecer que a ETA foi unha banda terrorista. Apunta que "as palabras de Otxandiano foron unha sacudida porque nos levaron a tempos pasados que están superados. A ese mundo fáltalle nitidez e claridade para deixar plenamente satisfeitos á sociedade vasca nesa materia e máxime cando aspiran, como demostraron, a ser a alternativa os gobernos do PNV".
Con todo, cre que é un asunto que en Euskadi "preocupa pero non está tan candente como estaba cando o terrorismo era unha realidade". Así destaca que "a sociedade vasca ten sufrido moito, é certo que hai unha sensación de psicoloxía social colectiva que quere mirar cara adiante, que quere reconciliación e harmonía, sen esquecer, pero sen poñer en xogo o que agora gozamos que é a liberdade e a reconciliación".
Ruiz ve que nos resultados hai unha certa contradición porque "sendo o parlamento máis nacionalista da historia, resulta que o sentimento do independentismo das vascas e vascos está baixo mínimos". Considera que na dinámica parlamentaria tamén se verá o "espectro ideolóxico do hemiciclo que está escorado cara ao nacionalismo e a esquerda".