Publicador de contidos
Publicador de contidos

Pasaia declara tres días de loito oficial polo asasinato machista da súa veciña

Pasaia declara tres días de loito oficial polo asasinato machista da súa veciña

Morreu a causa dos disparos efectuados presuntamente pola súa exparella, que se entregou á Policía

A vítima, de 45 anos, interpuxera no pasado unha denuncia por violencia de xénero contra o suposto autor, de 53

Concentración convocada polo movemento feminista de Pasaia. EFE/Juan Herrero
G24.gal 01/12/2024 10:24 Última actualización 01/12/2024 15:13

Centos de persoas amosaron este domingo en Pasaia a súa repulsa e consternación polo asasinado machista de Leonor, unha muller de 45 anos e veciña deste municipio guipuscoano, nunha concentración convocada polo movemento feminista local.

A voceira do colectivo criticou "os movementos negacionistas" da violencia de xénero e pediulle ás institucións públicas que combatan de xeito efectivo as agresións machistas.

A deputada xeral de Guipúscoa, Eider Mendoza, expresou no nome da institución foral a "profunda dor" e o rexeitamento deste crime machista e chamou á cidadanía ao "compromiso e militancia" para loitar contra "a desigualdade estrutural".

Tamén se sumaron ao acto representantes da corporación municipal de todos os grupos políticos e da asociación de municipios vascos Eudel e Emakunde. O Concello declarou tres días de loito oficial, desde as 00:00 horas deste domingo ata as 23:59 horas do martes.

O crime

Os feitos ocorreron na tarde do sábado no domicilio da vítima, un piso da rúa Eskalantegi, do distrito pasaitarra de Antxo, ao que accedeu o presunto agresor, un home de 53 anos que fora a súa parella, cunha pistola.

Segundo as primeiras pescudas, todo parece indicar que a matou de varios disparos e logo fuxiu para entregarse pouco despois á Policía Municipal de Villabona, unha localidade próxima.

Tres policías tras o crime en Pasaia. EFE/Juan Herrero Tres policías tras o crime en Pasaia. EFE/Juan Herrero

Denuncia da vítima

A vítima interpuxera no pasado unha denuncia por violencia de xénero contra a súa exparella, o home que presuntamente a matou de varios disparos.

Segundo confirman fontes da Ertzaintza, a arma do crime é unha pistola e o suposto autor continúa arrestado, acusado dun "delito de homicidio no ámbito da violencia de xénero".

O corpo da muller foi trasladado a pasada noite ao instituto de patoloxía forense de San Sebastián para realizarlle a autopsia.

O Departamento vasco de Seguridade non informou se había máis persoas no domicilio no momento dos feitos nin as circunstancias do crime.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade