Cruceiros desviados a Vigo dende Portugal pola folga de prácticos do porto
Cruceiros desviados a Vigo dende Portugal pola folga de prácticos do porto
A imposibiidade do seu atraque en Lisboa e Leixões fai que se incremente ata 12.000 o número de cruceiristas esta semana en Vigo
Semana de cruceiros en Vigo. A Cidade Olívica recibe cos brazos abertos os transatlánticos que non puideron atracar en Portugal pola folga de prácticos. O Hebridean Sky foi o primeiro en chegar. Facíao na noite do domingo con 170 persoas a bordo entre pasaxeiros e tripulantes.
Trátase dun pequeno cruceiro de expedición ambiental. Tivo que recalar na terminal viguesa ante a imposibilidade de facelo en Portugal. Son varios os transatlánticos que estes días farán escala na Cidade Olívica debido ás complicacións en Lisboa e Leixões. Deste xeito increméntase a previsión de cruceiristas. Serán un total de 12.000 os que pasarán polo Porto de Vigo esta semana.
Coa recepción deste transatlántico o Porto de Vigo amosa a súa capacidade de reacción ante imprevistos. Este martes haberá dobre escala. Recalarán na cidade o Vasco da Gama e o Ambience. E o mércores será o xigante dos mares, o Anthem of the Seas, o que traia centos de pasaxeiros.