Fai catro anos do estado de alarma que o paralizou todo para protexernos da covid
Fai catro anos do estado de alarma que o paralizou todo para protexernos da covid
Anunciouse inicialmente para 15 días, pero foise prorrogando ata os cen
Pedro Sánchez reivindica o "logro colectivo" que venceu a covid
O anuncio da activación do estado de alarma chegou o 13 de marzo de 2020. Aquel virus que en decembro aínda nos parecía algo afastado e exótico acumulaba ese día 4.231 contaxios en España e 121 falecidos. Para frealo, paralizouse o país.
"Foi unha medida necesaria", afirma Juan Gestal, profesor emérito de Saúde Pública. Cre que foi un acerto adoptar esas medidas "tan drásticas" porque era un virus novo, fronte ao o que a poboación non tiña inmunidade ningunha. "Eramos virxes para o virus", di.
Iniciábase un confinamento de quince días, que finalmente prorrogouse case ata os cen. Así que aquela de 2020 foi a primavera que vimos pasar dende a ventá. Vivimos situacións nunca vistas, e adaptámonos como puidemos a elas.
Na rúa recordan como o viviron os que tiñan nenos que entreter, ou maiores os que protexer. Lembran como, cando pouco se sabía aínda de como se transmitía o virus, desinfectabamos a compra ao chegar á casa, ou o lavado constante das mans.
Pero o máis duro era o reconto diario do impacto da pandemia. Naquela primeira onda da covid chegamos a sumar máis de 10.000 casos e 900 mortes ao día. Loitábase co que había:
"Tiñamos a medicina intensiva para aguantar o paciente e poñelo nas mellores condicións -di Juan Gestal-, para que a súa propia natureza puidese axudar a recuperarse". Lembra que a terapia con osíxeno "foi fundamental", e que tamén usaban "algúns medicamentos" para tratar os enfermos.
O virus atacou á saúde física, pero tamén pasou factura na mental. "É o que hoxe en día chámase síndrome da covid persistente" di o psiquiatra Juan Carlos Díaz del Valle. Sobre esa síndrome, explica que ten un cadro inespecífico pero cunha sintomatoloxía moi clara: "cansazo, apatía, astenia, dificultades para conciliar o sono, perda de apetito, un ánimo subdepresivo, ou perda de capacidade para facer cousas", enumera.
Do confinamento saímos o 21 de xuño de 2020. Pero a liberación comezou a albiscarse en decembro, coa chegada das primeiras vacinas.
"Foron as que nos salvaron" afirma Gestal. "Sen vacinas, hoxe estariamos aínda en pandemia e o custo en vidas, en padecemento e o custo económico sería moitísimo maior", engade.
Cen millóns de doses despois, en xullo do ano pasado, decretouse a fin da crise sanitaria: 1.207 días que deixaron en España case 14 millóns de contaxios e máis de 120.000 falecidos.
Sánchez reivindica o "logro colectivo" que venceu a covid
Neste día, o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, presidiu o acto para conmemorar o cuarto aniversario da declaración do estado de alarma pola covid.
Sánchez lembrou os colectivos que tiveron especial protagonismo durante a pandemia, como os sanitarios, as forzas da seguridade, os investigadores ou a comunidade educativa. Asegurou que superala foi un logro colectivo da sociedade española.