Na UCI unha das dúas persoas hospitalizadas ao caeren nunha cisterna de xurro en Guitiriz
Na UCI unha das dúas persoas hospitalizadas ao caeren nunha cisterna de xurro en Guitiriz
O outro ferido xa foi dado de alta
Unha delas realizaba tarefas de limpeza dentro da cisterna, pero malia estar baleira, a acumulación de gases impediulle saír de novo ao exterior
Outro traballador tentou rescatalo pero acabou esvarando e caendo tamén dentro da cisterna
Unha das dúas persoas hospitalizadas por intoxicación de gases logo de caer a unha cisterna de xurro en Guitiriz permanece na Uci do Hospital Lucus Augusti.
Foi contra as nove da noite cando saltou a alarma nunha explotación porcina do lugar de Baxoi, en Guitiriz. Unha persoa alertaba o 112 de que dous compañeiros caeran nun depósito de xurro e non conseguían velos nin falar con eles. Cando chegaron os equipos de emerxencia comprobaron que se trataba dunha cisterna de grandes dimensións.
"Á nosa chegada vimos que non era unha fosa de xurro senón unha cisterna duns 26.000 litros. Había dúas persoas dentro da cuba, teoricamente a primeira entra e esvara e a seguinte vai ao seu rescate", relata Félix Carballeira, sarxento dos Bombeiros de Vilalba.
A primeira vítima caera accidentalmente e cando a segunda entrou a auxiliala tamén se viu atrapada dentro. Malia que a cisterna estaba baleira, no interior había acumulados moitos gases que deixaron un dos homes inconsciente e o outro moi mareado. Había con eles unha terceira persoa, que foi a que alertou do sucedido. Os servizos de emerxencias fan fincapé no perigo destes gases.
"Deste tipo de xurros emanan moitos gases, como dióxido de carbono, sulfuro de hidróxeno e mesmo amoníaco. Son gases que dan lugar a mareos, espasmos nerviosos e en altas concentracións mesmo envelenamento. Hai que ter moito coidado, para estas limpezas habería que abrir primeiro, deixar ventilar uns trinta minutos e despois iniciar os labores de limpeza", explica Félix Carballeira, sarxento dos Bombeiros de Vilalba.
Entre os bombeiros de Vilalba e o GES de Curtis conseguiron rescatar os dous homes. Ás portas da explotación había xa dúas ambulancias que trasladaron os feridos ata o hospital de Lugo. Un deles permanece agora ingresado na UCI mentres o outro xa foi dado de alta.
No dispositivo participaron efectivos dos Bombeiros de Vilalba, do GES de Curtis, da Garda Civil e dos membros da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Guitiriz.