Dani Alves alegará no xuízo que ía borracho e que non era consciente do que facía
Dani Alves alegará no xuízo que ía borracho e que non era consciente do que facía
O futbolista, que afronta unha pena de prisión de entre nove e doce anos de cárcere, volve cambiar de versión
A menos de tres semanas de que o xulguen por agresión sexual, Dani Alves volve cambiar a súa versión sobre a noite do 30 de decembro de 2022 cando, presuntamente, violou unha moza de 23 anos nos lavabos dunha discoteca de Barcelona.
O futbolista di agora que ía bébedo e non era consciente do que facía. Un argumento novo na declaración que prepara para o xuízo do próximo 5 de febreiro.
O brasileiro insistirá en que as relacións foron consentidas pero con este relato, o quinto que dá, buscaría unha posible atenuante, en caso de condena pola agresión sexual que se lle imputa.
Para corroborar se estaba borracho, a súa defensa citou no xuízo a muller do futbolista, a modelo Joana Sanz, e achegará os tíckets do alcol que consumiu esa noite na discoteca.
Alves negara nun primeiro momento coñecer a vítima, pero acabou recoñecendo o encontro no baño, a práctica de sexo oral e finalmente as relacións, despois de ser confirmadas polo ADN da moza, que desde o primeiro momento mantén sen fisuras a súa denuncia: que foi violada e golpeada por Dani Alves.
O futbolista afronta unha pena de prisión de entre nove e doce anos de cárcere.